Skip to main content

O reitor destaca na festividade de Santo Tomé que o Campus Terra sitúa á USC na “vangarda” do eido agro-forestal

O reitor destaca na festividade de Santo Tomé que o Campus Terra sitúa á USC na “vangarda” do eido agro-forestal
O reitor destaca na festividade de Santo Tomé que o Campus Terra sitúa á USC na “vangarda” do eido agro-forestal
O reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López, presidiu o acto con motivo da festividade de Santo Tomé que este ano tivo lugar na Facultade de Formación do Profesorado de Lugo e...
Lugo

O reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López, presidiu o acto con motivo da festividade de Santo Tomé que este ano tivo lugar na Facultade de Formación do Profesorado de Lugo e no que estivo acompañado pola vicerreitora de Coordinación do campus, Montserrat Valcárcel, e polo resto do seu equipo de goberno.

 

López puxo o foco no seu discurso en que “unha das grandes fortalezas do campus lucense é a súa vocación cara ás tecnoloxías da terra, esa orientación agro-gandeira e forestal que fai que os saberes que aquí se imparten, e a investigación que neses ámbitos se desenvolve, non teñan competencia no país”.

 

Para López “o Campus Terra parece un lugar acaído para materializar a aposta da Universidade pola sustentabilidade nas súas distintas facetas, situándonos unha vez máis na vangarda de cara ao logro de tales obxectivos”. Neste senso, o reitor puxo en valor os esforzos que está a levar a cabo neste ámbito de especialización a Agrupación Estratéxica do Campus Terra BioReDes, a cal “non fai mais que recoñecer esa fortaleza da investigación lucense”.

 

O reitor subliñou ademais, con respecto á oferta docente do campus, a necesidade de “asumir a responsabilidade de orientar esas titulación á demanda e ás necesidades existentes para que non fracasen. É un reto para o campus, pero é un reto para a Universidade no seu conxunto e podo asegurarlles que poden contar con toda a USC para a súa solución”.

 

 

Neste senso, López quixo “resaltar a recente acreditación pola AEVE da Facultade de Veterinaria. Unha acreditación coa que a nosa facultade vén contando dende 2002, pero na que cada proceso supón un importante reto a superar por todo o persoal do centro. Este novo recoñecemento internacional mantennos na vangarda das Facultades de Veterinaria do país, unha posición que confiamos afianzar mercé a novas dotacións como a granxa experimental en fase de construción na finca Gayoso Castro”.

 

Lección maxistral do profesor Rodríguez Lestegás

Pola súa parte, o decano da Facultade de Formación do Profesorado, o profesor Rodríguez Lestegás, impartiu a lección maxistral desenvolvida baixo o título ‘Ensino da xeografía, educación xeográfica e alfabetización cartográfica’. “Os mapas son representacións selectivas e parciais do territorio, polo que a súa utilización non pode escapar dos prexuízos persoais nin da manipulación política”, sinalou Lestegás, para logo engadir que “é responsabilidade da escola esforzarse en lograr unha axeitada alfabetización cartográfica dos estudantes que lles permita o desenvolvemento do pensamento espacial”.

 

O profesor Rodríguez Lestegás afondou na súa intervención no concepto de ‘Xeografía’ como un saber estratéxico que as minorías dirixentes utilizan como instrumento de poder, así como un coñecemento que permite a adopción dunha perspectiva axeitada para a comprensión do mundo.

 

A cerimonia académica de San Tomé congregou numerosas autoridades como a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; a Valedora do Pobo, Milagros Otero; o secretario Xeral de Universidades da Xunta, José Alberto Díez de Castro; ou o deputado provincial Álvaro Santos, entre outros.

 

 

The contents of this page were updated on 02.25.2022.