Skip to main content

Os mestrados propios da USC no Campus Terra celebraron os seus actos de clausura

Os mestrados propios da USC no Campus Terra celebraron os seus actos de clausura
Os mestrados propios da USC no Campus Terra celebraron os seus actos de clausura
O mestrado en Produción do Leite e o mestrado en Enxeñaría da Madeira Estrutural, ambos os dous títulos propios da USC no Campus Terra, celebraron o venres 14 de decembro os seus respectivos actos de...
Lugo

O mestrado en Produción do Leite e o mestrado en Enxeñaría da Madeira Estrutural, ambos os dous títulos propios da USC no Campus Terra, celebraron o venres 14 de decembro os seus respectivos actos de clausura.

 

O máster propio da USC en Produción de Leite pechou a súa cuarta edición coa celebración dun acto na Casa do Saber conducido polo adxunto á Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo, Jesús Varela Zapata. No marco do mesmo tamén participaron o director da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, Tomás Cuesta; o coordinador do mestrado, José Manuel Pereira González, e o deputado provincial delegado da área de Medio Rural e do Mar, Lino Rodríguez Ónega.

 

Unha vez rematada a quenda de intervencións, os dez estudantes que completaron a cuarta edición deste posgrao recibiron cadanseu diploma, nunha sesión na que tamén se premiou o bo aproveitamento académico do mesmo acreditado por David Vázquez Novás, Cristina Vázquez Fernández e Carlota Lázare Nadela.

 

Estes galardóns, que contemplan gratificacións económicas en metálico de 800, 600 e 400 euros, respectivamente, están financiados pola Deputación Provincial de Lugo, Progando, Delagro e a Cooperativa Agraria Provincial da Coruña. Os premios distinguen tanto a excelencia académica do alumnado como a calidade dos traballos fin de máster desenvolvidos, segundo indicou o profesor Pereira González.

 

 

Pola súa parte, o mestrado en Enxeñaría da Madeira Estrutural celebrou a súa clausura no salón de actos da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría. Na sesión participaron, ademais dos 24 alumnos que completaron este posgrao, así como o director da Plataforma da Enxeñaría da Madeira Estrutural (Pemade), Manuel Guaita;  o vicepresidente da Deputación Provincial de Lugo, Argelio Fernández, o xerente da Fundación Laboral da Construción, Fernando García; o director da Axencia Galega de Industrias Forestais, Ignacio Lema, e o director do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC, Pablo Vila Lameiro.

 

O director de Pemade, Manuel Guaita, aproveitou este acto para agradecer o esforzo realizado polo alumnado que superou este “esixente programa”, estruturado en 800 horas formativas ao longo de 18 meses con sesións lectivas presenciais e formación telemática, uns agradecementos que tamén fixo extensivos aos 52 docentes (14 son da USC e 38 externos) que imparten formación neste título propio da USC no seu Campus Terra.

 

The contents of this page were updated on 02.25.2022.