O Campus Terra da USC presenta a súa oferta docente en Unitour Oviedo
A xestora de especialización da Oferta Docente do Campus Terra da USC, Margarita Vilela, e a xestora de Comunicación, Natalia Alonso, presentaron este luns no salón de orientación universitaria Unitour Oviedo a oferta académica do Campus Terra da USC a través dun espazo expositor polo que pasaron preto dun milleiro de estudantes.
A oferta académica do Campus Terra da USC consta na actualidade de quince títulos de grao, dous dobres graos, trece mestrados oficiais, dous mestrados propios e sete programas de doutoramento.
O Hotel Reconquista acolleu unha nova edición desta feira especializada en oferta universitaria que lle permite aos seus asistentes atopar respostas a cuestións tales como ‘¿A que quero dedicarme?’ ou ‘ ¿Que quero estudar?’ e que conta xa con máis de dez anos de historia. O Campus Terra da USC compartiu espazo con máis de trinta universidades, entre as que se atopan a Carlos III de Madrid, CEU San Pablo ou Universidade de Deusto.