Skip to main content

A rede Inmunogenom organiza o vindeiro 24 de outubro unha 'Caravana pola Acuicultura’

A rede Inmunogenom organiza o vindeiro 24 de outubro unha 'Caravana pola Acuicultura’
A rede Inmunogenom organiza o vindeiro 24 de outubro unha 'Caravana pola Acuicultura’
A rede Inmunogenom, centrada na busca de solucións innovadoras para o control sanitario da Acuicultura, organiza, baixo o nome ‘Caravana pola Acuicultura: moluscos (I)’ un encontro para difundir a...
Lugo

A rede Inmunogenom, centrada na busca de solucións innovadoras para o control sanitario da Acuicultura, organiza, baixo o nome ‘Caravana pola Acuicultura: moluscos (I)’ un encontro para difundir a importancia e a seguridade asociada á produción de moluscos que terá lugar o vindeiro 24 de outubro.

 

Baixo convite, persoas relevantes da nosa contorna implicados no cultivo, consumo, xestión  e/ou investigación no eido dos moluscos, participarán nesta xornada na que se pretende trasladar o valor da Acuicultura e a importancia de investir na mellora das producións e a súa sustentabilidade.

 

Este formato interactivo e demostrativo, no que tomarán parte 50 persoas involucradas no sector, iniciarase ás 9.00h na sede da Cofradía de Pescadores de Cambados, na que Juan Carlos Mariño Balsa, responsable da súa asistencia técnica, falará sobre o cultivo de ameixas e berberechos.

 

A partir das 9.20h, será a quenda de Ángeles Longa Portabales, responsable do Departamento de I+D do Consello Regulador do Mexillón de Galicia, quen afondará no cultivo deste molusco. Acto seguido, os participantes nesta iniciativa visitarán o banco de produción de moluscos infaunais de O Sarrido na concesión da Cofradía de Pescadores de Cambados, e realizarán un percorrido en catamarán para ver a batea de preengorde de xermolo de berberecho e ameixas para a repoboación de bancos marisqueiros ou resemente en parques de engorde; así como as bateas de engorde de mexillón e ostras.

 

A xornada pecharase ás 14.00h cunha degustación de moluscos de Galicia. Para asistir a esta actividade, a organización pon a disposición dos asistentes un autobús que sairá ás 8.00h, do día 24 de outubro, da Facultade de Bioloxía da USC, e que regresará a Compostela ás 16.00h, trala finalización da xornada. Recoméndase que cada un dos participantes traia un par de botas de goma para poder efectuar a visita.

The contents of this page were updated on 02.25.2022.