Skip to main content

Uns 50 estudantes internacionais do Campus Terra da USC visitan este sábado a Ribeira Sacra para coñecer os canóns do Sil

O vicerreitor Andrés Barreiro e o deputado provincial Álvaro Santos acompañarán a medio centenar de participantes no paseo en catamarán desde Doade

Uns 50 estudantes internacionais que están a realizar estudos universitarios nos diversos centros do Campus Terra da USC realizarán este sábado unha visita á Ribeira Sacra, durante a que realizarán un paseo en catamarán desde o embarcadoiro de Doade para logo participar nunha visita guiada a Castro Caldelas.

Esta actividade, organizada pola Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo en aras a favorecer a integración do estudantado estranxeiro e tamén para a promoción internacional de Lugo e da súa provincia como destinos universitarios, contará tamén coa participación do vicerreitor de Desenvolvemento Científico e Tecnolóxico do campus de Lugo, Andrés Barreiro, así como do deputado provincial Álvaro Santos.

A xornada de convivencia orientada ao alumnado internacional do Campus Terra da USC comezará xa en quenda de mañá coa celebración dun roteiro polo patrimonio rural do concello de Lugo. Esta acción, na que participarán como guías os profesores Ana Cabana (historia agraria), Elena Freire (antropoloxía rural) e Juan Ortiz (arquitectura tradicional), comezará ás 9.00 horas, cando está prevista a saída do autobús desde a Facultade de Veterinaria de Lugo, a onde regresará a expedición internacional sobre as 14.00 horas.

Unha vez rematado a visita polo patrimonio rural do concello de Lugo, a comitiva de estudantes internacionais desprazaranse ata o embarcadoiro de Doade, onde, por xentileza da Deputación Provincial de Lugo, poderán realizar, a partir das 16.00 horas, un paseo en catamarán e gozar así da beleza paisaxística do canón do Sil. O guía e axente de viaxes de Galicia Infinita, Guido Álvarez, acompañará esta expedición internacional durante todo o percorrido pola Ribeira Sacra.

The contents of this page were updated on 04.06.2018.