A USC lanza unha nova edición do seu Acelerador de Transferencia
O Acelerador de Transferencia, programa da USC que ten por obxectivo avanzar no proceso de maduración de resultados de investigación, facilitando a súa transferencia ao entorno social e económico, pon en marcha a súa sexta edición.
O Acelerador de Transferencia está aberto aos Grupos de Investigación de todas as áreas de coñecemento que teñan identificado algún resultado de investigación con potencial de transferencia.
Os Grupos de Investigación interesados en presentar propostas ao Acelerador de Transferencia poden facelo dirixíndose á Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (avte [at] usc.es (avte[at]usc[dot]es), ext. 15581, 15586, e 22854 para os grupos de Lugo) ou directamente a calquera persoa da AVTE coa que traballaran anteriormente. A AVTE asignaralle un Xestor/a de Proxecto que lle informará detalladamente das condicións do Acelerador de Transferencia e asesoraralle durante todo o proceso, dende a preparación da proposta ata a súa comercialización.
A Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE) é o servizo dependente da Vicerreitoría de Investigación e Innovación da USC encargado da xestión integral do proceso de transferencia dos resultados de investigación xurdidos no seu seo. O seu obxectivo é conseguir un impacto directo na sociedade dos resultados de investigación obtidos nos laboratorios e centros de investigación da USC, a través da súa incorporación en procesos, produtos ou servizos, e que polo tanto redunde no crecemento económico e na mellora do benestar social.