Skip to main content

Consulta a oferta formativa do Espazo de Cine da USC no Campus Terra para o curso 2018-2019

Consulta a oferta formativa do Espazo de Cine da USC no Campus Terra para o curso 2018-2019
Consulta a oferta formativa do Espazo de Cine da USC no Campus Terra para o curso 2018-2019
ESPAZO DE CINE
 
Finalidade:
Formar, crear e producir dentro do audiovisual a través de monográficos que permitan unha formación mínima para poder enfrontarse á realización de traballos...
Lugo

ESPAZO DE CINE

 

Finalidade:

Formar, crear e producir dentro do audiovisual a través de monográficos que permitan unha formación mínima para poder enfrontarse á realización de traballos audiovisuais, creando un Grupo de Cine dentro do ámbito universitario.

Cronoloxía:

Realizaranse ao longo do ano unha serie de módulos que os interesados poderán cursar por separado ou conxuntamente. Aqueles que participen nos módulos anteriores (dándolle preferencia a quen fixera un número maior de módulos) poderán acceder ao módulo 6.

 

Módulo 1: O TRABALLO DE ESCRIBIR UN GUIÓN

Relator: Pepe Coira

(Rábade, 1963)

Guionista, director de desenvolvemento e produtor executivo para diversas compañías (Portocabo, Filmax Galicia, Voz Audiovisual), especializado en ficción televisiva (Hierro, Vidago Palace, Luci, Gran nord, Hispania, As leis de Celavella, Mareas vivas...) así coma longametraxes e series documentais (A Seara, Cos pés na terra, A viaxe de Leslie, Eloxio da distancia, Hai que mollarse...).

É profesor no Máster de Produción e Xestión Audiovisual (Universidade da Coruña); anteriormente impartiu clases nas universidades de Vigo e Santiago, e na Escola de Imaxe e Son da Coruña.

Dirixiu o CGAI desde a súa posta en marcha en 1990 ata 1997.

Descrición:.

O curso atende a tres cuestións básicas: para que serve un guión? De que está feito? Como é o traballo do guionista? A busca de respostas para estas preguntas corre en paralelo ao segundo grande aspecto do curso: unha introdución á práctica da escritura, desde a definición inicial dun proxecto ata a redacción do guión dunha curta.

Metodoloxía:

O módulo combina aspectos teóricos e prácticos, se ben en todo caso o achegamento procura ir moi pegado á realidade da escritura do guión, á experiencia de ser guionista. Traballaremos desde dous tipos de exemplos: os xerados polos propios alumnos conforme aos seus intereses en sensibilidades, e os traballos de encargo que formule o relator.

Obxectivos:

Familiarizar aos alumnos coas particularidades da escrita do guión, un texto que é, sobre todo, unha ferramenta para a elaboración dun proxecto audiovisual.

Contidos:

A.1 Para que sirve un guión (dito doutro xeito: quen le un guión e por que?)

· O cine sen guión / con pouco guión / con guión de ferro

· A primeira vida dunha película (das catro que pode chegar a ter)

· Unha ferramenta de traballo para un equipo

· Unha ferramenta de venda

A.2 De que está feito un guión      

Elementos clásicos do guión

            A estrutura

            Personaxes / Escenarios / Accións / Diálogos / Punto de vista

Fases da escritura

            Idea / Sinopse / Tratamento / Guión

Os outros guións

            Formatos / Biblias / Escaletas

Documentación

A.3 O traballo do guionista

Cando escribe o guionista

            Antes de nada / Antes da produción / Durante a produción / Na montaxe

Métodos de traballo

            Individual / En grupo

            Software

Contratos

            Orixinal / Encargo

            Aspectos básicos do contrato

            Como mover un guión

Autoría

            Dereitos

            Control editorial

B. A práctica da escritura   

Neste apartado trátase de afrontar o traballo da escritura, desde a formulación dunha idea xeral ata a redacción de secuencias completas. Na práctica contemplaremos algunhas das principais variables que se dan na escritura audiovisual: o traballo individual ou en grupo, e a escritura por encargo ou orixinal.

Número de horas. 25, distribuídas en oito sesións

Dirixido a persoas que pensan na posibilidade de traballar na escritura de proxectos audiovisuais e, secundariamente, a persoas con curiosidade polo relato audiovisual.     

Prazas. 20. Terá prioridade quen acredite —mediante documentación ou memoria— algunha experiencia previa de guión ou similar (literatura, teatro, cómic…), incluídos traballos non profesionais.   

Lugar. Escola de Formación de Profesorado

Datas. Todos os venres dende o 19 de outubro ao 21 de decembro

Horario. 18 a 21 h (derradeira sesión: 17 a 21 h)

Prezos. Comunidade universitaria, 50. Taxa xeral, 100.

 

Módulo 2: PROCESO DE CREACIÓN A MIRADA DE JORGE COIRA

Relator:  Jorge Coira

Breve descrición: Adentrarse na maneira de facer , no proceso de creación do director. Como nace un proxecto e cal é o seu camiño ate facerse realidade . Como é o traballo do director con todo o equipo. 

Metodoloxía: A través de visionados, das propias experiencias do director -poñendo exemplos prácticos de películas e series nas que participou- e das espectativas concretas dos alumnos/as; percorreremos os distintos procesos creativos, dende o guión ata a posprodución e pasando, por suposto, pola rodaxe e o traballo con actores e equipo en xeral.

Contidos:

Enfrontarse ao guión. De onde veñen as ideas? Como se traballa coas ideas?

Converter o proxecto en realidade. O implacable mundo do financiamento.

A preprodución. Comeza a moverse a máquina.

A rodaxe. A loucura definitiva.

A posprodución. Dándolle forma ao puzle. 

Número de horas. 32 distribuidas en catro sesions

Dirixido a persoas que estean interesadas en coñecer os distintos procesos da creación audiovisual.

Lugar.  Aula Teatro e Danza

Datas. 1 ao 4 de novembro

Horario. 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00

Prezos. Comunidade universitaria, 50. Taxa xeral, 100. (min de 10 para que se faga o curso)

 

Módulo 3 DIRECCIÓN DE ACTORES E INTERPRETACIÓN DIANTE DA CÁMARA

Relatora:  Anxos Fazáns .Traballa no guión, dirección e edición de diferentes proxectos audiovisuais. Graduada en Comunicación Audiovisual pola Uvigo, posteriormente estuda o Máster de Dirección de Cine da ESCAC. Durante a súa aprendizaxe desenvolve a serie web Fame, gañadora do Premio á mellor serie web en lingua galega no Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay 2015 e finalista dos Premios Mestre Mateo 2015. Outra experiencia fundamental foi o seu traballo no equipo de dirección de Las altas presiones. Realizou as curtametraxes Direcciones e Nacer en septiembre, ambas seleccionadas no Festival de Cans. Máis tarde chega a curtametraxe Area, producida por Matriuska (Festival de Cans, Taratsa IFF, Buriem FF, Zinebi). Anxos combina o seu traballo de directora co de axudante de dirección e script en diferentes proxectos. A estación violenta, unha adaptación da novela homónima de Manuel Jabois, producida por Matriuska, supón a súa primeira longametraxe como directora e guionista. O filme acaba de ser estreado en salas de cines comerciais despois do seu paso polo Festival de Cine Europeo de Sevilla, o BAFICI de Bos Aires e o D’A de Barcelona. Xunto con Silvia Fuentes foi unha das titoras do Campamento Kamikaze do Carballo Interplay 2018, que consistía na creación dunha serie web de tres capítulos en tres días.

DESCRICIÓN

Obradoiro práctico pensado para analizar o traballo da interpretación e dirección cinematográfica. Ten como obxectivo facer que cada alumno/a comprenda o código audiovisual para obter o máximo proveito das posibilidades expresivas que este medio ofrece.

Cun carácter práctico, traballaranse escenas e secuencias cinematográficas e faranse prácticas gravadas coa intención de que o alumno/a perda medo á cámara e se familiarice coa linguaxe propia do medio. Cada alumno/a recibirá, ademais, nocións básicas da linguaxe fílmica e da dirección de actores complementado con visionados de documentais, “como se fixo” (making off), secuencias fílmicas, etc.

Metodoloxía:

O curso será eminentemente práctico. Seleccionaranse secuencias para preparar e traballar con cada alumno co fin de ser filmadas no último día. Ademais faranse dinámicas de grupo para afianzar os coñecementos de cada sesión.

Obxectivos:

Dar a coñecer as ferramentas do actor e das actrices no cinema. Practicar para desenvolver estas aptitudes perante a cámara.

Contidos:

  • A linguaxe cinematográfica e as súas particularidades: o plano, a secuencia, a continuidade (raccord).
  • Análise de guión. Como son as conversas entre directora e intérpretes arredor do texto, cal é a busca e cales poden ser as conclusións. Selección de escenas para a práctica final.
  • Creación de personaxe. Diálogo entre dirección e intérpretes.
  • O casting. Nocións básicas para entender as dinámicas dun casting.
  • A rodaxe. Filmación das escenas seleccionadas. O material audiovisual será entregado a cada un dos participantes ao final do curso e poderá ser usado como parte do seu videobook.

DESTINATARIOS

Persoas interesadas na dirección de cine ou na interpretación para cine.

Prazas. 20.

Lugar. Aula de Teatro e Danza

Datas. Domingos 18 e 25 de novembro

Horario. De 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00

Prezos. Comunidade universitaria, 40. Taxa xeral, 60.

 

Módulo 4: INICIACION Á CINEMATOGRAFÍA

Relator: Bruno Máez

Metodoloxía:

Pártese dunha metodoloxía eminentemente conceptual, antes de desenvolver a práctica. Polo tanto, sempre haberá unha serie de conceptos que se tratarán mediante explicacións  do profesor, apoiándose en esquemas, proxección de diapositivas, vídeos e outro material audiovisual, así coma a participación do alumnado propoñendo diversos exercicios en grupo ou actividades nas que se involucren directamente co profesor. Así mesmo, tamén haberá actividades máis prácticas para consolidar o visto en teoría, como facer diversos planos coa cámara, iluminar unha escena ou planificar unha rodaxe dende o punto de vista do departamento de fotografía.

Obxectivos:

  1. Iniciación no mundo da dirección de fotografía.
  2. Idea das tarefas que se levan a cabo no departamento de fotografía dunha rodaxe.
  3. Uso do material máis común que se utiliza no departamento de fotografía.

Contidos:

  1. O director de fotografía, ese gran descoñecido. Que é un director de fotografía? Cales son as súas funcións nunha produción audiovisual?
  2. Como se organiza esta tropa? O equipo humano do departamento de fotografía. Nunha película a cantidade de xente que traballa pode ser un auténtico labirinto humano, non hai máis que botar un ollo aos créditos de moitas películas. Analizaremos os diferentes postos que hai nunha película e cales son as súas obrigas, facendo fincapé no departamento de imaxe.
  3. E esta cámara custa moito? Sendo tan cara fará os vídeos soa, non si? Analizaremos as cámaras de cine máis importantes na actualidade, e cámaras utilizadas en producións independentes, e como para cada produción existe unha opción idónea. Lentes, filtros, estativos, grúas e toda una cantidade inxente de material que nos axudará a conseguir ese plano desexado.
  4. Luz aquí, luz alá, ilumíname, ilumínate. De que dispoñemos á hora de iluminar un espazo? Veremos as diversas posibilidades que nos permite a industria, tanto en grandes producións, coma en producións de baixo custo, os seus pros e os seus contras.
  5. E cun par de velas, como fixo S. Kubrick? Ferramentas para a medición e control da luz. Analizaremos que instrumentos temos á nosa disposición para poder realizar medicións da luz. Exposímetro e termocolorímetro.
  6. Como contar historias con luz. Veremos exemplos de como diversos directores de fotografía utilizaron a luz para contar unha historia.

Número de horas: 25

Lugar: Casa do Saber

Datas: 2,3 e 16 e 17 de febreiro

Horario: 10 a 14 e de 16 a 20 h

Prezos: Comunidade universitaria, 50. Taxa xeral, 100.

 

Módulo 5: PRODUCIÓN E DISTRIBUCIÓN DUN PROXECTO DE CINE INDEPENDENTE

Relator:  Suso López

Traballou (como produtor e actor) en numerosos proxectos audiovisuais nos últimos 10 anos, como as curtametraxes A Porta, O Paquete, Picnic, Limbo… O seu principal traballo ata o momento é o filme Dhogs (dirixido por Andrés Goteira) que durante 2017 e 2018 leva percorrido medio mundo sendo seleccionado e galardoado en diversos festivais de prestixio. Forma parte da produtora de cine meirega Gaitafilmes e tamén dos grupos musicais Os Bluesomes e Voladura. Tamén participa do mundo do asociacionismo formando parte da organización de eventos como o M de Cine e o festival Meirendas. Ten experiencia no desenvolvemento de proxectos, na produción executiva (financiamento, coprodución e distribución; xestión económica e de persoal) e tamén na produción de campo (localizacións, permisos, necesidades humanas e técnicas) de traballos audiovisuais. Neste momento, no mundo do cine, traballa na distribución de Dhogs e no desenvolvemento dos dous novos filmes de Gaitafilmes: Welcome to ma maison e Starmucks.

Descrición:: Trátase dun curso transversal de produción no ámbito audiovisual orientado ó funcionamento de proxectos independentes. Pretende abarcar, dende a propia experiencia, todos os procesos que teñen lugar dende o nacemento dunha idea ata a difusión e distribución dun produto rematado.

Metodoloxía: A metodoloxía deste módulo desenvólvese sobre tres pés fundamentais: conceptos teóricos de produción, análise de casos reais e da propia experiencia, práctica na aula sobre presupostos, desagregamentos, informes, etc. A metodoloxía estará sempre apoiada nas propias inquedanzas do alumnado, acadando deste xeito un curso máis adaptado.

Obxectivos: Acadar unha idea global do funcionamento de proxectos de cine independente. Diferenciar as partes e persoas involucradas en cada proceso e facerse coas ferramentas necesarias para intentar sacar adiante proxectos propios.

Contidos:

Grosso modo os contidos do curso serán os citados a continuación. Centrados sempre en proxectos independentes, non por iso faltos de profesionalidade. Durante as explicacións de cada unha das partes realizaranse análises de documentación existente, casos reais baseados na experiencia e prácticas na aula.

  1. Produción executiva
  2. Desenvolvemento de proxectos
  3. Equipos técnicos e artísticos
  4. Produción de campo
  5. Distribución e difusión

Número de horas. 25h

Lugar. Casa do Saber

Datas.: 9,10,23 e 24 de febreiro

Horario. De 10 a 14 e de 16 a 20 h

Prezos. Comunidade universitaria, 50. Taxa xeral, 100.

 

Módulo 6: RODAXE E MONTAXE DUN PROXECTO

Relator: Andrés Goteira

Enxeñeiro técnico de telecomunicacións pola Uvigo e técnico de son pola EIS da Coruña. Realizou algúns traballos audiovisuais durante a época estudantil, como por exemplo O paquete no 2009 e A porta no 2010. No 2013 marchou a Escocia onde escribiu o seu primeiro guión de longametraxe, que se convertería na súa primeira película como director (Dhogs, 2017). Durante os últimos anos realizou e impartiu numerosos cursos e talleres audiovisuais. Na actualidade, entre outras cousas, escribe o guión da súa seguinte película.

Descrición:

O alumno fará unha inmersión completa no audiovisual dende un lugar libre e creativo.

Metodoloxia:

  • As horas iniciais do obradoiro irán dedicadas a mostrar as múltiples miradas do cine, dende o cine máis contemplativo/hiperrealista ata o cine de efecto e truco, abarcando un diverso abanico de miradas cinematográficas que busquen por aquilo que provoque a cada unha das diferentes sensibilidades dos alumnos.
  • Pequeno repaso pola linguaxe audiovisual, técnica e proceso.
  • Inmersión durante 4 días nunha localización natural, rica en sons e paisaxes que fagan explosionar a creatividade do alumno, que permitan activar as sinerxías de colaboración e que deixe facer así como observar.
  • Visionamento do material de cada un deles. Conclusións.

Obxectivos:

Neste módulo final trátase de sacar un proxecto audiovisual adiante partindo do pequeno, utilizando novos recursos, determinando equipos de traballo e finalmente acadar unha calidade próxima ao profesional. Realizarase o plan de rodaxe, a rodaxe e a montaxe polo menos dunha peza audiovisual, apoiándonos no contido que se foi desenvolvendo nos módulos anteriores xunto aos alumnos, por exemplo o guión e a desagregación de necesidades de produción. O obxectivo final é ser capaces de ter un traballo totalmente rematado que sirva para dar forma a todo o aprendido no Espazo de Cine.

Número de horas. 50, distribuídas en oito sesións

Lugar. Casa do Saber e exterior

Datas. 13 ao 17 de abril (Semana Santa)

Prezos.Comunidade universitaria, 80. Taxa xeral, 140.

 

En tódolos cursos haberá 20 prazas como máximo e 10 como mínimo

 

Infórmate na Área de Cultura do Campus de Lugo

 

Pazo de Montenegro - Praciña da Universidade s/n, 2º andar

Teléfonos: 982 821 510 / 982 821 513

e-mail: cultura.lugo [at] usc.es (cultura[dot]lugo[at]usc[dot]es)

The contents of this page were updated on 02.25.2022.