Skip to main content

Un máster interuniversitario en Xenómica e Xenética amplía a formación de posgrao ofertada pola USC no seu Campus Terra para o curso 2018-2019

 Un máster interuniversitario en Genómica y Genética amplía la formación de posgrado ofertada por la USC en su Campus Terra para el curso 2018-2019
Un máster interuniversitario en Genómica y Genética amplía la formación de posgrado ofertada por la USC en su Campus Terra para el curso 2018-2019
O Campus Terra da USC oferta para o curso 2018-2019 un máster interuniversitario en Xenómica e Xenética que poderá cursarse de xeito presencial nas facultades de Veterinaria de Lugo e de Bioloxía de...
Lugo

O Campus Terra da USC oferta para o curso 2018-2019 un máster interuniversitario en Xenómica e Xenética que poderá cursarse de xeito presencial nas facultades de Veterinaria de Lugo e de Bioloxía de Santiago, así como na Facultade de Bioloxía da UVigo, aínda que tamén poderá seguirse de xeito semipresencial, segundo indicou este luns a coordinadora deste posgrao, a catedrática de Xenética da USC Laura Sánchez Piñón, no marco da presentación do máster, un acto que reuniu no edificio Cactus do Campus Terra de Lugo a profesores e investigadores da USC e UVigo, así como da Misión Biolóxica de Galicia que participarán como docentes neste programa de posgrao.

 

Estruturado en 60 créditos ECTS e distribuídos en catro módulos, as diferentes materias incluídas no programa do máster en Xenómica e Xenética, un posgrao de orientación académica, profesional e investigadora, poderán cursarse de xeito simultáneo, xa de xeito presencial ou través de videoconferencia, nas facultades de Veterinaria e Bioloxía da USC, así como na Facultade de Bioloxía da UVigo. Este posgrao, para o que se ofrecen un máximo de 30 prazas (15 convocadas pola USC e 15, por UVigo), permite asemade a posibilidade de cursalo con mencións de especialidade en Diversidade Xenética, Aplicacións Xenéticas e Xenética Humana.

 

O máster en Xenómica e Xenética ten como obxectivo satisfacer a demanda de profesionais ben preparados para o sector xenómico e xenético, de importancia crecente na nosa sociedade, sinalou Sánchez Piñón. Daquela, cómpre sinalar que os docentes involucrados na ensinanza do posgrao forman parte de grupos de investigación punteiros en Xenómica e Xenética, tanto de universidades como centros de investigación, con gran prestixio nacional e internacional. Deste xeito, os estudantes coñecerán de primeira man as técnicas e metodoloxías máis actuais e innovadoras nestes campos.

 

Dirixido a persoas con interese na investigación científica e tecnolóxica, así como na transferencia dos coñecementos xenéticos e xenómicos ao sector industrial e produtivo, o perfil de ingreso no máster en Xenómica e Xenética é moi amplo dada a súa transversalidade, aínda que se antolla como un posgrao acaído para persoas xa tituladas en graos das ramas de coñecemento de Ciencias, Ciencias da Saúde, Enxeñaría e Arquitectura.

 

O módulo de prácticas externas posibilitará ao alumnado do máster desenvolver estadías en centros de investigación e empresas punteiras tanto de Galicia como do ámbito nacional e mesmo da esfera internacional, tal e como é o Instituto Roslin da Universidade de Edimburgo, que ofrece dúas prazas para que o estudantado deste máster poida completar este módulo de formación.

 

Acto de presentación

O acto de presentación do máster interuniversitario en Xenómica e Xenética, un posgrao singular no SUG, reuniu no edificio Cactus de Lugo a varios dos profesores que participaron na elaboración do programa e que impartirán docencia no máster. Así, a catedrática de Xenética da UVigo e coordinadora do máster na institución olívica, Paloma Morán; o profesor da USC e secretario do título, Manuel Vera; o catedrático de Xenética da UVigo Armando Caballero, e os investigadores do CSIC Misión Biolóxica de Galicia Antonio De Ron e Paula Rodiño tamén interviñeron no acto, no que tamén participou a vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto.

The contents of this page were updated on 02.25.2022.