O Premio ‘Rafael Crecente’ distingue a aplicación móbil de axuda á decisión ‘Galterrae’, creada pola enxeñeira Estela Paradelo
A primeira edición do Premio ‘Rafael Crecente’ de Propostas Innovadoras de Xestión Territorial, un galardón convocado polo Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) en colaboración co Laboratorio do Territorio (LaboraTe) da USC en lembranza e recoñecemento do labor desenvolvido polo profesor Rafael Crecente Maseda, distingue a aplicación móbil de axuda á decisión ‘Galterrae’, desenvolvida pola enxeñeira en Xeomática e Topografía e máster en Xestión Sustentable da Terra e do Territorio pola USC Estela Paradelo Fernández.
A gañadora do Premio Rafael Crecente, creado coa ambición de impulsar o desenvolvemento de ideas innovadoras relacionadas co desenvolvemento rural, a conservación do medio ambiente, a mellora da produción agraria en sentido amplo e a contribución á xestión territorial sostible, recolleu este xoves o premio na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra, no marco dunha cerimonia presidida pola vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto, e na que tamén participaron os directores do Ibader, Pablo Ramil, e do LaboraTE, David Miranda.
O catedrático do Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola da USC Francisco Díaz-Fierros, ofreceu no marco desta sesión o relatorio ‘Plantacións forestais e as novas paisaxes’. Unha vez rematada a exposición do profesor Díaz-Fierros, a enxeñeira ourensá oriúnda de O Barco de Valdeorras, fixo unha presentación pública da App móbil merecente do premio.
Paradelo explicou neste senso que ‘Galterrae’ pretende ser unha aplicación de carácter informativo e de prestación de servizos, a través da que as persoas usuarias poden informarse e recibir asesoramento sobre catro áreas diferentes, tales como o son a conservación da agua e dos solos, biodiversidade, canais curtos de comercialización e custodia do territorio.
O xurado encargado de fallar a primeira edición do Premio Rafael Crecente de Propostas Innovadoras de Xestión Territorial, un galardón dotado con 2.000 euros de gratificación en metálico e orientado á participación de estudantes de grao e/ou máster xa egresados, acordou tamén outorgar unha mención honorífica á candidatura presentada ao certame polo enxeñeiro agrónomo Iván Díaz López, quen concorreu a esta convocatoria co traballo ‘Mecanismo agrario de reestruturación comunitaria da superficie’, unha proposta na que reflexiona e achega información sobre as potenciais vantaxes que podería reportar a cesión de uso das terras sen alterar a súa propiedade.