O significado do debuxo na prevención de trastornos no ámbito sociofamiliar, tema dun curso en Formación do Profesorado
O significado do debuxo: detención e prevención de posibles trastornos e malos tratos no ámbito sociofamiliar é o título do curso da Universidade de Verán 2018 da USC que se desenvolverá do 25 ao 28 de xuño na Facultade de Formación do Profesorado do Campus Terra. A matrícula neste programa formativo, estruturado en 25 horas lectivas e aberto á participación de todo o público interesado, pode formalizarse de xeito presencial ou a través da páxina web ata o próximo 15 de xuño.
O curso, dirixido pola profesora María Lidia Platas, e do que actúa como secretaria Maricarmen Caldeiro, está orientado á participación de todas aquelas persoas, tanto profesionais do ensino como estudantes, así como ao público en xeral que teña interese en afondar nesta temática.
Os obxectivos deste foro estival da USC son os de servir de axuda para interpretar o significado das técnicas proxectivas básicas (debuxos): aprender a interpretar os garabatos (trazo, colocación, presión, cor); os debuxos sobre a familia, a árbore, a persoa e a casa, animais, cuadrillas; coñecer as emocións que os nenos/as proxectan; interpretar tamén o proceso (a orde dos debuxos, os comentarios) e adquirir competencias para intervir dende o ámbito familiar e escolar no caso de detectar algún problema.