O Campus Terra da USC acolle este mércores un encontro para a elaboración da ‘Estratexia de Infraestrutura Verde de Galicia’
O Edificio Cactus do Campus Terra da USC acollerá este mércores 23 de maio, a partir das 18.00h, un encontro de participación cidadá, dirixido tanto á comunidade universitaria como ás demais persoas interesadas, destinado a elaborar a ‘Estratexia de Infraestrutura Verde de Galicia’, impulsada polo Instituto de Estudos do Territorio da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio da Xunta de Galicia, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade da Coruña.
A infraestrutura verde é un concepto que integra a conectividade dos ecosistemas, a protección e provisión de servizos ecosistémicos e a mitigación e adaptación ao cambio climático, asegurando a provisión sostible destes servizos e incrementando a resiliencia dos ecosistemas.
A súa finalidade consiste na creación dunha rede de espazos naturais e seminaturais planificados estratexicamente para ofrecer unha ampla gama de servizos ecosistémicos. Trátase en definitiva de levar a cabo unha ordenación integral do territorio desde o punto de vista ambiental para asegurar a provisión de servizos de regulación (biodiversidade, adaptación e mitigación do cambio climático, fertilidade do solo, regulación hídrica, calidade do aire, control de inundacións e erosión, etc.), servizos de abastecemento (produción e seguridade alimentaria, abastecemento de auga e enerxía, etc.) e servizos culturais (ocio, benestar, saúde, paisaxe, etc.).
Na primeira parte do encontro, realizarase unha breve presentación dos obxectivos da ‘Estratexia da Infraestrutura Verde de Galicia’; para a continuación levar a cabo un obradoiro no que as persoas e entidades asistentes compartirán as súas ideas e opinións sobre o modelo territorial que lles gustaría que se fomentase. As persoas interesadas en participar poden mandar un correo electrónico a infraestructuraverde.iet [at] xunta.gal (infraestructuraverde[dot]iet[at]xunta[dot]gal)
Estas redes estratexicamente planificadas de espazos verdes poden proporcionar múltiples beneficios a través do soporte dunha economía verde, a mellora da calidade de vida, a protección da biodiversidade e o incremento da capacidade dos ecosistemas para proporcionar servizos como a redución do risco de desastres naturais, a purificación da auga, a calidade do aire, os espazos de ocio e a adaptación e mitigación do cambio climático.