O Trío Tre Corde actúa este luns 7 de maio ás 20.00h na Casa do Saber do Campus Terra
O ciclo ‘Músicas a carón da mosqueira’, enmarcado dentro do convenio Lugo Cultural, asinado por USC, Deputación e Concello de Lugo, acolle este luns 7 de maio, a partir das 20.00h, na Casa do Saber do Campus Terra, a actuación do Trío Tre Corde, integrado por María Xesús Talero (Violín), Silvia Ramos (Violoncello) e Thao Bui Huong (Piano).
María Xesús Talero Andújar formou parte da Joven Orquesta de Jaén (2011-2013), da nova Academia da Orquesta Ciudad de Granada durante en 2014, e da Orquesta Joven de Andalucía desde 2014 ata a actualidade.
Pola súa parte, Silvia Ramos cursa actualmente o terceiro ano dos estudos superiores de violoncello no Conservatorio Superior de Música de Castilla y León en Salamanca, baixo a tutela de Marius Díaz e Aldo Mata. No ano 2016 incorpórase como membro activo da Orquestra Xove da Sinfónica de Galicia, onde traballa con directores como Rubén Gimeno ou Krzysztof Penderecki.
Finalmente, Thao Bui Huong, natural de Vietnam, recibiu clases maxistrais de Kenedy Moretti, Iván Cítera, Antonio Ortiz, Carles Marín, Josep Colom e Claudio Martínez Mehner. Actuou en varios concertos públicos en Vietnam e España e participou na última edición do Concurso Internacional de Música en Les Corts de Barcelona.
Na primeira parte do concerto, o Trío Tre Corde interpretará obras de Jesús Torres e Dmitri Shostakovich; mentres que na segunda parte centraranse en pezas de Felix Mendelssohn.