O Museo Universitario A Domus do Mitreo celebra hoxe unha xornada de portas abertas
A Domus do Mitreo, un espazo singular que fai accesible o coñecemento da historia da cidade de Lugo desde a época romana ata a contemporánea, comeza este mércores 2 de maio o seu novo periplo como museo universitario cunha xornada de portas abertas. Neste novo réxime de funcionamento, as ampliadas instalacións do Museo Universitario A Domus do Mitreo, de titularidade compartida co Concello de Lugo, aínda que xestionadas pola USC, permanecerán abertas ao público de martes a domingo, e o primeiro mércores de cada mes o acceso será libre e de balde para todo o público interesado.
A ampliación do horario de visitas desta instalación responde á pretensión do Campus Terra da USC de facer accesible a todo o mundo un museo universitario posto en marcha coa triple función de difundir e valorizar un dos xacementos romanos máis visitados da capital luguesa, fomentar o interese polo patrimonio e servir de impulso e promoción da cidade de Lugo a través da realización de estudos e investigacións sobre a súa historia.
O Museo Universitario A Domus do Mitreo amplía o horario de visitas ás súas instalacións, que permanecerán abertas ao público de martes a sábado, en quenda de mañá e tarde, de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas, e os domingos, en horario matinal, de 11.00 a 14.00 horas. En verán, as visitas en quenda de tarde poderán realizarse ata as 21.00 horas.
O novo centro museístico no Campus Terra, cuxo réxime de acceso se axustará ao regulamento polo que se rexen os museos universitarios da USC, permanecerá tamén aberto ao público varias datas festivas, nas que se agarda un maior fluxo de visitantes. Daquela, tamén será posible visitar este museo os días 24 de xuño, 25 e 26 de xullo, 15 de agosto, 1 de novembro, así como nas festas de Arde Lucus e San Froilán.
Estruturado en tres niveis, o Museo Universitario A Domus do Mitreo, un espazo duns 700 metros cadrados, constitúe un exemplo excepcional da historia urbana da cidade de Lugo. Neste centro agrómanse diversos restos arqueolóxicos cuxa interpretación permite coñecer a evolución da cidade. Así, o museo está divido en tres zonas, nas que o visitante poderá descargar códigos QR. O vestíbulo permite coñecer as distintas fases polas que pasou o soar; o xacemento ofrece diferentes elementos da época romana que van desde a domus da época altoimperial, o pano da muralla orixinal e o templo mitraico; mentres que no primeiro andar é posible facer un percorrido pola historia de Lugo desde a Idade Media ata o século XX.
Prezos de entrada e visitas con guía
A entrada ao Museo Universitario A Domus do Mitreo será de balde os primeiros mércores de cada mes, agás en novembro, cando esta xornada de acceso libre se trasladará ao día 8. O prezo de visitas sen guía para membros da comunidade universitaria da USC será de 1 euros, 2 euros para estudantes e profesores alleos á USC. O custe da entrada será de dous euros para os menores de 18 anos e xubilados, mentres que a taxa xeral para adultos será de 3 euros. No caso de visitas de grupos organizados, cobrarase un euro por integrante.
Os prezos de visitas de grupos con guía presentan cambios. Daquela, a taxa xeral de en grupo será de 6 euros por persoa, unha cifra que se reduce a 5 euros para grupos de menores de 18 anos, xubilados e estudantes e profesores alleos á USC, e a 4 euros para grupos de membros da comunidade universitaria da USC.