Skip to main content

O campus científico de verán XuvenCiencia incrementa na súa VI edición a 150 as prazas ofertadas para alumnado preuniversitario

El campus científico de verano XuvenCiencia incrementa en su VI edición a 150 las plazas ofertadas para alumnado preuniversitario
El campus científico de verano XuvenCiencia incrementa en su VI edición a 150 las plazas ofertadas para alumnado preuniversitario
O Campus Terra da USC celebrará do 2 ao 6 de xullo a sexta edición do campus de verán XuvenCiencia, un programa organizado e promovido polo profesorado da sede universitaria luguesa en colaboración...
Lugo

O Campus Terra da USC celebrará do 2 ao 6 de xullo a sexta edición do campus de verán XuvenCiencia, un programa organizado e promovido polo profesorado da sede universitaria luguesa en colaboración coa Vicerreitoría de Coordinación, a través do que se pretende espertar a vocación científica do alumnado preuniversitario de toda Galicia.

 

O prazo de preinscrición neste programa, que amplía de 135 a 150 o número de prazas ofertadas, permanecerá aberto desde este venres 27 de abril, ás 15:30 horas, ata o vindeiro 6 maio, ás 24:00 horas, na páxina web http://www.usc.es/xuvenciencia/campus/  As prazas concederanse por rigorosa orde de preinscrición. Como novidade, logo de cubrir o formulario, o alumno/a recibirá un correo electrónico con acceso a un segundo formulario no que deberá indicar cales son as súas preferencias con respecto ás actividades ofertadas no programa deste ano. Para completar a preinscrición é imprescindible cubrir os dous formularios dentro do prazo establecido, pero este último non afecta á orde de preinscrición. Os organizadores decidiron facelo deste xeito para que o alumnado poda meditar con calma en que tipo de actividades desexa participar de acordo cos seus intereses. O 9 de maio publicarase a primeira lista de admitidos e o primeiro prazo de matrícula ábrese do 10 ao 15 de maio, ambos os dous inclusive.

 

A nova edición deste campus de verán, unha iniciativa orientada a estudantado preuniversitario de 4º de ESO e Bacharelato, presenta un ameno programa de aprendizaxe e convivencia, a través do que se busca dar a coñecer á mocidade preuniversitaria os distintos itinerarios formativos que poden cursan nas seis facultades e escolas do Campus Terra, así como nos seus centros adscritos: Escola Universitaria de Relacións Laborais e Escola Universitaria de Enfermaría. Do mesmo xeito que en edicións anteriores, o campus de verán Xuvenciencia Lugo 2018 presenta un módulo para alumnado veterano dotado con 50 prazas e reserva 5 prazas ao programa de intercambio de alumnado coa Universidade Junior de Oporto. A presente edición aspira, tal e como xa sucedeu o ano pasado, a impulsar a convivencia. Por este motivo, ofértanse prazas con aloxamento para que todo o alumnado interesado poda aprender a convivir cos seus futuros/as compañeiros/as de carreira baixo a tutela do monitorado titulado da A.D.C. Lumieira Lugo.

 

A profesora da USC e coordinadora do campus de verán XuvenCiencia Lugo, Mercedes Novo Rodríguez; o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; a concelleira de Cultura, Carmen Basadre; a deputada provincial, Sonsoles López Izquierdo; e Carlota López Pardo, en representación da empresa patrocinadora Aresa, presentaron este mércores na Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo a nova edición do campus de verán XuvenCiencia, un proxecto de divulgación científica con máis dun centenar de eventos programados e avalado pola participación duns 150 docentes da USC e outro persoal de apoio. Mercedes Novo destacou que, ante o crecente interese do alumnado por participar no campus, especialmente entre aqueles que queren repetir a experiencia, ampliouse o número de prazas a 150. Este ano darase un tratamento especial ao tema dos incendios forestais, de tanta importancia no noso pais, cunha charla divulgativa de enfoque multidisciplinar e o taller práctico “Plantando cara ao lume”. A visita e obradoiros que se levarán a cabo na Estación de Bioloxía Mariña de  A Graña, actividade dirixida ao alumnado veterano, conformarán outra das novidades deste ano. Atendendo ás peticións do alumnado participante en edicións anteriores, inclúense nesta edición novos obradoiros nas áreas da física e da bioloxía, así como novos proxectos como o ‘Aqualab’, onde se fai unha monitorización ambiental usando un microcomputador, ou o proxecto ‘Arboredo urbano’, que trata o tema da fixación de carbono en relación ao programa europeo LIFE do Concello de Lugo ‘Lugo+Biodinámico’.

 

As distintas actividades incluídas no campus de verán XuvenCiencia Lugo desenvolveranse en quenda de mañá e tarde, en horario de 9.30 a 20.30 horas, nas facultades de Ciencias, Humanidades, Administración e Dirección de Empresas, Formación do Profesorado e Veterinaria, así como na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría e os dous centros adscritos: Escola Universitaria de Relacións Laborais e Escola Universitaria de Enfermaría. As visitas aos distintos laboratorios de investigación e servizos do Campus Terra e a centros e empresas colaboradoras (Aula de Produtos Lácteos, Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia, Museo Provincial, Museo Universitario A Domus do Mitreo, AMSlab, Xenética Fontao, Hospital Universitario Lucus Augusti, Castro de Viladonga, Sotavento, Fundación TIC, LARSA, Quescrem, Finsa, CETAL), e a realización de talleres relacionados coas titulacións científicas, técnicas e sociais do Campus Terra centran as actividades programadas polos organizadores do campus en quenda de mañá. Ademais, programouse unha oferta adicional con obradoiros de danza, teatro e creación audiovisual.

 

Polas tardes, os/as alumnos/as inscritos/as no programa, repartidos en grupos pequenos, desenvolverán, baixo a tutela do profesorado universitario, distintos proxectos científicos ou técnicos a elixir entre 29 propostas. O programa ‘Lumieira Acompaña’, guiado por monitorado titulado da A.D.C Lumieira, ofrece, a partir das 18.00 horas, diversas actividades lúdicas en quenda de tarde para todos os estudantes e noite para os estudantes aloxados. O estudantado que tome parte en XuvenCiencia Lugo terá a ocasión de ser protagonista de diversos proxectos científicos, técnicos e sociais que versan sobre áreas de coñecemento moi diversas. Así, as propostas feitas polo Campus Terra da USC para este nova edición do campus abranguen un abano temático moi amplo que vai desde a análise das proteínas do leite e o iogur, crea o teu anuncio publicitario, xogando a ser xuíces ou prácticas clínicas veterinarias, entre outros.

The contents of this page were updated on 02.25.2022.