O Museo Universitario A Domus do Mitreo fai accesible a historia da cidade de Lugo desde a época romana ata a contemporánea
O Museo Universitario A Domus do Mitreo fai accesible o coñecemento da historia da cidade de Lugo desde a época romana ata a contemporánea, segundo salientou o reitor da USC, Juan Viaño, na inauguración das renovadas e ampliadas dependencias do primeiro museo da USC en Lugo logo dunha inversión aproximada de 200.000 euros. As novas instalacións museísticas, xestionadas integramente pola USC, aínda que de titularidade compartida co Concello de Lugo, terán encomendadas tarefas diversas, que van desde a difusión e valorización dun dos xacementos romanos máis visitados da capital luguesa como é o A Domus do Mitreo, o fomento do patrimonio, ata a promoción da cidade de Lugo a través de estudos (docencia) e investigacións (ciencia) sobre a súa historia.
O Museo Universitario A Domus do Mitreo nace coa pretensión de ser un museo accesible para todo o mundo, razón pola que a USC ampliará a partir do mes de maio o horario de visitas ás instalación, que permanecerán abertas ao público de martes a sábado, en quenda de mañá e tarde, de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas, e os domingos, en horario matinal, de 11.00 a 14.00 horas.
O novo centro museístico no Campus Terra, cuxo réxime de acceso se axustará ao regulamento polo que se rexen os museos universitarios da USC e que contempla diversas modalidades de taxas que van desde 1 a 6 euros por visitante, tamén incorpora ao xacemento arqueolóxico xa aberto a visitas, un novo espazo de 100 metros cadrados, situado no primeiro andar da Casa do Saber, que permite facer un percorrido polo Lugo posterior á romanización a través dos restos arqueolóxicos atopados durante a fase de escavación do xacemento. “Falamos do Lugo medieval, no que tivemos aquí un obradoiro ligado á construción da catedral e máis unha necrópole destinada ás clases populares, así como do Lugo moderno e contemporáneo, no que xorde o Pazo de Montenegro como residencia urbana dunha familia nobre”, relatou Viaño.
O compromiso da USC coa accesibilidade física a este museo fixo que se dotara este centro universitario dun moderno sistema de acceso para persoas con mobilidade reducida tanto ao xacemento como á exposición situada no primeiro andar do edificio. Asemade, tamén se incorporaron diversos elementos que facilitan a accesibilidade visual do museo, tales como guías en braille e outros recursos máis nos que está a traballar a USC co asesoramento da Once. A incorporación da última tecnoloxía e recursos multimedia á presentación dos restos son outras das accións implementadas para ampliar o valor científico dun museo, no que o visitante pode gozar da reconstrución virtual dos espazos do pasado.
O Museo Universitario A Domus do Mitreo, que agocha o “xacemento mitraico máis singular e máis tardío dos escavados na península Ibérica”, segundo indicou o historiador e catedrático de Historia Antiga da Universidade Carlos III de Madrid, Jaime Alvar, é o resultada dunha proveitosa colaboración entre institucións e entidades: USC, Concello de Lugo, Deputación Provincial de Lugo, Dirección Xeral de Patrimonio, a Secretaría Xeral de Cultura e a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia e o Grupo Santander Universidades, un entendemento sostido ao longo do tempo e grazas o que se está a traballar nunha edición actualizada do libro ‘A Domus do Mitreo: arqueoloxía, historia e cidade’, un volume en galego, castelán e inglés.
Estruturado en tres niveis, o Museo Universitario A Domus do Mitreo, un espazo duns 700 metros cadrados, constitúe un exemplo excepcional da historia urbana da cidade de Lugo. Neste centro agrómanse diversos restos arqueolóxicos cuxa interpretación permite coñecer a evolución da cidade. Así, o museo está divido en tres zonas, nas que o visitante poderá descargar códigos QR. O vestíbulo permite coñecer as distintas fases polas que pasou o soar, o xacemento ofrece diferentes elementos da época romana que van desde a domus da época altoimperial, o pano da muralla orixinal e o templo mitraico, mentres que no primeiro andar é posible facer un percorrido pola historia de Lugo desde a Idade Media ata o século XX.
A alcaldesa do Concello de Lugo, Lara Méndez; o presidente da Deputación Provincial de Lugo, Darío Campos Conde; a Xefa de Coordinación da Área de Cultura da Xunta de Galicia, María José Gómez Rodríguez, e o director de zona de Santander Universidades, José María García de los Ríos, tamén interviñeron como relatores na inauguración do Museo Universitario A Domus do Mitreo, un acto no que tamén asistiron os vicerreitores de Coordinación, Desenvolvemento Científico e Cultural e Servizos Universitarios do campus de Lugo, Javier Bueno, Andrés Barreiro e Carme Silva, respectivamente, ademais de representantes políticos municipais e provincias, profesores, investigadores, membros da comunidade universitaria e persoeiros do eido da cultura.