Skip to main content

O Campus Terra acolle a presentación do Programa Prima que financiará con 48 millóns o uso sostible das fontes naturais

El Campus Terra acoge la presentación del Programa Prima que financiará con 48 millones el uso sostenible de las fuentes naturales
El Campus Terra acoge la presentación del Programa Prima que financiará con 48 millones el uso sostenible de las fuentes naturales
O Campus Terra da USC acolleu este mércores, no salón de actos da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) e no marco do III Simposio Nacional e I Ibérico de Enxeñaría Hortícola, a...
Lugo

O Campus Terra da USC acolleu este mércores, no salón de actos da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) e no marco do III Simposio Nacional e I Ibérico de Enxeñaría Hortícola, a presentación do Programa PRIMA, un consorcio para a investigación e a innovación na zona mediterránea, cuxas liñas mestras foron expostas por Diego Intrigliolo, investigador do CEBAS-CSIC e punto de contacto deste programa en España, a través do cal agárdase que a Unión Europea financie ata nove proxectos de investigación por un valor de dous millóns de euros cada un e os Estados membros do consorcio aporten un total de trinta millóns de euros.

 

Esta agrupación integrada por 19 países (Alxeria, Croacia, Chipre, Francia, Alemaña, Grecia, Israel, Italia, Luxemburgo, Malta, Portugal, Eslovenia, Turquía, Tunisia, Exipto, Líbano, Xordania, Marrocos e España) procura solucións innovadoras no eido agroalimentario coa intención de obter un uso sostible das fontes naturais, desenvolvemento económico e estabilidade na zona mediterránea.

 

Na súa presentación, Intrigliolo expuxo os requisitos das convocatorias que o Programa Prima mantén abertas dende o pasado 6 de febreiro no seu enderezo web. Na súa sección 1, Prima chama á presentación de proxectos de investigación que contribúan á reutilización e desalinización da auga para a produción agroalimentaria; ao desenvolvemento de agro-ecosistemas sostibles; así como á innovación nas cadeas de produción agroalimentarias na zona mediterránea. En cada unha destas liñas temáticas, Prima financiará tres proxectos con dous millóns de euros para cada un deles sempre e cando promovan a excelencia, impactos tanxibles e demostrables, así como lazos de colaboración entre socios do norte e do sur. As prepropostas deben presentarse ata o 17 de abril de 2018 e a proposta completa ata o 15 de setembro de 2018.

 

Finalmente, a sección 2 da convocatoria, integrada por diversas liñas temáticas vinculadas á misión xeral de Prima, está financiada con 30 millóns de euros aportados polos Estados membros do consorcio e o prazo de entrega das prepopostas remata o 27 de marzo, mentres que as propostas completas deben presentarse ata o 4 de setembro.

 

A presentación de Prima celebrouse horas antes da inauguración do III Simposio Nacional e I Ibérico de Enxeñaría Hortícola organizado polo Departamento de Enxeñaría Agroforestal da EPSE, en colaboración coa Sociedade Española de Ciencias Hortícolas (SECH), e que se estenderá ata o venres 23 para abordar o uso de drons e satélites na agricultura.

 

Descarga aquí a presentación completa do Programa Prima

The contents of this page were updated on 02.25.2022.