O Campus Terra da USC deu a benvida a corenta novos alumnos internacionais procedentes de oito países
Unha nova edición do Welcome Day serviu este xoves para dar a benvida na Casa do Saber aos corenta novos alumnos e alumnas procedentes de oito países que acaban de chegar a Lugo para estudar no Campus Terra da USC este segundo cuadrimestre.
O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno, foi o encargado de dar a benvida a este alumnado procedente de Arxelia, México, Brasil, Tunisia, India, Colombia, Suiza e Italia. Xunto ao vicerreitor, quen destacou “que o alumnado internacional representa xa o 16% do alumnado de novo ingreso do Campus Terra”, atopábanse a alcaldesa de Lugo Lara Méndez e a deputada provincial Sonsoles López Izquierdo.
No transcurso do acto tamén interviron Bárbara Rovira, en representación do Servizo de Relacións Exteriores (SRE) da USC no Campus Terra; e Manuel Fernández do Centro de Linguas Modernas, coa intención de expoñer como a actividade dos seus respectivos servizos pode servirlle de axuda a este alumnado. Ao finalizar a quenda de intervencións, os mozos e mozas realizaron distintas dinámicas de grupo coa responsable do Servizo de Participación e Integración Universitaria da USC no Campus Terra, Fátima Teixeiro.
Finalmente os e as asistentes tiveron a oportunidade de visitar o Concello e a Deputación de Lugo, ademais de gozar dunha visita guiada pola Domus do Mitreo. Está previsto que o Campus Terra reciba en total neste ano académico a cento oitenta alumnos internacionais.