A enxeñeira de Montes do Campus Terra Cristina Eimil, Premio Sociedade Española de Ciencias do Solo á mellor tese de doutoramento
A doutora enxeñeira de Montes vilalbesa formada na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) do Campus Terra da USC, Cristina Eimil Fraga, vén de ser distinguida co premio da Sociedade Española de Ciencias do Solo (SECS) co premio á mellor tese de doutoramento sobre esta especialidade na convocatoria de 2017, recoñecemento que inclúe diploma acreditativo e unha dotación económica en metálico de 2.000 euros para a autora e unha gratificación de 600 euros para os codirectores da mesma.
Logo de analizar as nove candidaturas presentadas, o xurado encargado de fallar este galardón acordou distinguir a investigación de doutoramento desenvolvida por Eimil Fraga baixo a co dirección de Esperanza Álvarez, Roque Rodríguez Soalleiro e Federico Sánchez, e que leva por título ‘Analysis of edaphic and ecophysiological parameters in relation to nutrient levels and growth of Pinus pinaster in acidic soils’.
Esta tese de doutoramento afonda nas relacións entre os parámetros do chan e o tipo de roca en que se asenta, e o crecemento e produtividade de plantacións de piñeiro do país. Os resultados indican a capacidade deste piñeiro para adaptarse a distintos ambientes. Así, a tese conclúe o papel determinante do potasio como elemento nutritivo cuxa dispoñibilidade explica a produtividade da especie. O traballo achega criterios e modelos de predición que melloran a toma de decisións e a optimización de sistemas de xestión forestal en solos acedos, o que contribúe á adecuada ordenación do territorio.
A vilalbesa Cristina Eimil Fraga, que na actualidade forma parte do grupo de investigación Unidade de Xestión Forestal Sustentable da USC e traballa como investigadora do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da Escola Politécnica Superior de Lugo no proxecto LIFE Lugo+Biodinámico, recollerá o premio da Sociedade Española de Ciencias do Solo á mellor tese de doutoramento no marco da asemblea xeral que a referida sociedade científica celebrará o vindeiro 23 de febreiro en Madrid.