Os tractores son os equipos de traballo que deparan a taxa de sinistralidade letal máis alta no sector agropecuario de Galicia
Os vehículos de motor, especialmente o tractor, son os equipos de traballo que presentan unha maior taxa de sinistralidade letal nas explotacións agropecuarias de Galicia, nas que outros equipos ou ferramentas, como as motoserras son causantes da maior taxa de sinistros, moitos deles tipificados como leves, aínda que propician longos períodos de baixa. Estes datos figuran entre as conclusións da tese de doutoramento presentada polo enxeñeiro agrícola e técnico superior en Prevención de Riscos Laborais Xosé Manuel López Gallego na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC baixo o título ‘Condicións de traballo, riscos e sinistralidade nas explotacións agropecuarias de Galicia. Análise de situación e propostas de mellora’.
Esta investigación de doutoramento, dirixida polos profesores Martín Barrasa, da área de Proxectos de Enxeñaría, e Xoán Carlos Carreira Pérez, de Enxeñaría Agroforestal, analiza os datos obtidos a través dos partes de accidente de traballo rexistrados durante o período 2004-2014 no sector agrario en Galicia facilitados polo Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA).
A primeira parte do estudo avalía a integridade e fiabilidade dos datos de accidentes contidos nas bases de datos mediante unha dobre auditoría, cuantitativa e cualitativa, mentres que o segundo bloque analiza os datos solicitados tras o proceso de corrección e unificación das bases de datos. A terceira parte componse de catro estudos de detalle centrados en accidentes mortais rexistrados no sector, os accidentes relacionados cos traballos de muxidura, os accidentes relacionados co tractor agrícola e os accidentes de traballo nos que interveñen as motoserras (serras de cadea portátiles).
A investigación de doutoramento realizada por López Gallego permitiu identificar unha alta porcentaxe de rexistros que non conteñen información, que foron cumprimentados de forma incorrecta ou que conteñen valores que non se corresponden cos datos especificados na descrición do accidente, causas e circunstancias. Esta situación leva á conclusión de que cómpre introducir cambios e melloras no actual sistema de notificación, incluíndo novos códigos e campos cunha información máis detallada de lugares de traballo, actividades e axentes materiais implicados.