ARGOS 2017 amplía a súa inscrición ata o 27 de outubro
Traballo en equipo e ‘aprender facendo’ son as claves do Programa Argos da USC, que mantén aberta ata o 27 de outubro a inscrición para alumnado de posgrao, máster, doutoramento ou últimos anos de grao, titulados/as das últimas promocións e persoal ou colaboradores integrados en grupos de investigación. Argos susténtase en tres ideas: a complementariedade de perfís persoais e profesionais no equipo; a presenza dunha persoa con coñecementos de xestión empresariais; e o acceso á carteira de resultados de investigación da USC e ideas procedentes de empresas da contorna de Santiago e de Lugo que poderán ser a base do seu plan de empresa. O seu obxectivo é conformar equipos interdisciplinares aos que se lles facilitará acompañamento e asesoramento no proceso de definición dunha idea de negocio ademais de avaliar a súa capacidade para chegar a constituír un proxecto empresarial convincente. O programa comeza a última semana de outubro con entrevistas aos participantes, seguida da constitución dos equipos multidisciplinares con 4 ou 5 integrantes que, finalmente, desenvolverán un plan de empresa titorizados por persoal de Argos para presentalo ante un xurado. Haberá tamén unha sesión de adestramento en exterior (outdoor training) e de traballo en equipo.
Ao remate do programa os plans entregados poderán optar a algunhas das dúas categorías de premios establecidas e dotadas con 3.000 euros cada unha (Argos Spin para proxectos baseados en resultados de investigación da USC, e Argos Enxeño para os xurdidos de ideas propias de participantes ou empresas do contorno de Santiago e Lugo) e seis meses de acceso gratuíto a espazos de incubación. A inscrición pode facerse cumprimentando o formulario dispoñible en http://www.uninova.org/ ou en http://www.usc.es/es/investigacion/avte/emprendedores/argos.html, que deberá remitirse por correo electrónico a argos [at] usc.es (argos[at]usc[dot]es). As persoas interesadas poden acadar máis información nos teléfonos 982.822.854 / 855 Argos é unha iniciativa conxunta da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC (AVTE) e da incubadora de empresas Uninova coa colaboración das facultades de Ciencias Económicas e Empresariais de Santiago e de Administración e Dirección de Empresas do Campus Terra.