O horizonte profesional da Enxeñaría de Montes, a análise este martes na Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC
A Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC celebra este martes, a partir das 12.30 horas, un coloquio sobre o horizonte profesional e laboral da Enxeñaría de Montes, no que intervirán catro relatores.
A sesión formativa e de divulgación está orientada á participación do alumnado de últimos cursos do Grao en Enxeñaría Forestal e do Medio Natural, así como a docentes e investigadores interesados na profesión de Enxeñaría de Montes. O obxectivo deste foro non é outro que o de proporcionar elementos de reflexión para a toma de decisións sobre a conveniencia de completar estudos de máster e superiores, especialmente relativos ao eido forestal.
O elenco de relatores convidados a participar nesta sesión está formado polo enxeñeiro de Montes e administrador da empresa Cerna Enxeñaría e Asesoría Medioambiental SLP, Francisco Álvarez Rubiños; o tamén enxeñeiro de Montes e funcionario da Xunta de Galicia, Xabier Bruña; César Pérez Cruzado, enxeñeiro de Montes e investigador da USC, e o decano autonómico do Colexio de Enxeñeiros de Montes de Galicia, Juan Picos Martín.