Un proxecto do Campus Terra sobre asesoramento legal en liña triunfa no reality de negocios Enfoca-2
Un proxecto empresarial promovido dende o Campus Terra sobre asesoramento legal en liña vén de triunfar no reality de negocios internacional Enfoca-2. A firma Legalmit, promovida polas irmás María e Leticia Seara, foi unha das dez seleccionadas de entre os 246 proxectos presentados de todo o mundo. Este sábado tivo lugar a final, na que os elixidos tiñan que expoñer as súas candidaturas ante investidores e empresarios co obxectivo de lograr financiamento para poder avanzar na execución destas ideas de negocio. Legalmit conseguiu o obxectivo gañando o apoio e seguimento da empresa Telefónica, polo que as súas impulsoras están moi satisfeitas.
O proxecto Legalmit, promovido por María e Leticia Seara, constitúe unha legaltecht que conecta persoas con avogados cos que poderán celebrar acordos legais en liña e perfectamente válidos, a través de videoconferencia certificada. A relación en liña que propoñen as irmáns Seara favorece, na súa opinión, relacións máis dinámicas e proactivas entre clientes e avogados, así como unha maior participación no proceso de construción do negocio xurídico.
Legalmit responde a unha plataforma en liña que permite a conexión entre usuarios e profesionais do Dereito as 24 horas do día durante os 365 días do ano, indican María e Leticia Seara, que agardan conseguir financiamento para poder poñer en marcha o que sería o maior bufete de avogados de España con asistencia integramente en liña.
Tres proxectos empresariais promovidos por emprendedores da USC ao abeiro dos centros Yuzz establecidos este ano nos campus de Lugo e de Santiago, participaron esta fin de semana en Madrid na gala final do concurso Enfoca-2, onde os promotores de Legalmit, OpSeeker e Memmory Assistant presentaron, do mesmo xeito que as outras sete candidaturas seleccionadas, as súas respectivas propostas ante inversores e empresarios co obxectivo de acadar financiamento para poder avanzar na execución destas ideas de negocio.