O Campus Terra da USC súmase á celebración do Día de Europa coa xornada sobre mobilidade e emprego ‘Móvete polo mundo’
O Campus Terra da USC súmase á celebración do Día de Europa coa organización da xornada ‘Móvete polo mundo’, un foro organizado pola Vicerreitoría de Servizos Universitarios de Lugo, a través da Área de Orientación Laboral da USC no Campus Terra, que congregou preto de 30 participantes na aula e-Terra da Biblioteca Intercentros, o escenario no que diversos relatores ofreceron información sobre saídas laborais na UE e organizacións internacionais, financiamento de proxectos á mocidade ou axudas á mobilidade ou voluntariado europeo, entre outros aspectos.
A vicerreitora de Servizos Universitarios do campus de Lugo, Carme Silva Domínguez, abriu esta xornada informativa cun breve acto institucional, tralo que Alba Cachafeiro, técnico do Servizo de Relacións Exteriores da USC no Campus Terra, abriu a quenda de relatorios cunha charla desenvolvida baixo o título ‘Os programas de mobilidade da USC: unha porta á experiencia internacional’.
Víctor Mosquera Villanueva, da asociación xuvenil Don Bosco, tratou, a continuación, o Servizo de Voluntariado Europeo; mentres que Javier Naveira e Roberta Campagna, da Fundación Galicia Europa, abordaron nas súas respectivas intervencións as saídas laborais no contexto europeo e internacional. A profesora da sección de francés do Centro de Linguas Modernas da USC no Campus Terra Martázul Busto tamén participou nesta quenda de relatorios cunha charla na que fixo fincapé na importancia do coñecemento de idiomas estranxeiros no mercado laboral.
A xornada ‘Móvete polo mundo’, chegou ao seu remate coas intervencións de Borja Rubio, da Rede Galega de Dinamización Xuvenil Xunta de Galicia, que falou dos programas ‘Galeuropa: Programa de mobilidade xuvenil en prácticas transnacionais’ e ‘Garantía Xuvenil: Programa de empregabilidade para a mocidade’; e Carmen Santalla da Rede Eures, quen fixo unha análise da mobilidade laboral en Europa.