A área de Orientación e Inserción Laboral no Campus Terra da USC acolle novas xornadas sobre empregabilidade
A aula e-TERRA da Biblioteca Intercentros do Campus Terra da USC acollerá nas vindeiras semanas distintas xornadas sobre empregabilidade impulsadas dende a área de Orientación e Inserción Laboral.
As sesións comezarán o mércores 19 de abril cunha xornada sobre traballo en equipo, mentres que unha semana máis tarde, o mércores 26, abordaranse as habilidades de negociación. Xa no mes de maio será a quenda da sesión sobre busca de emprego e prácticas, o 3 de maio; habilidades de comunicación, o 4 de maio; e procesos de selección de persoal, o 23 de maio. Para formalizar a inscrición de balde debe enviarse un correo cos datos persoais a emprego.lugo [at] usc.es (emprego[dot]lugo[at]usc[dot]es), indicando o nome da xornada na que se quere participar. Todas comezan ás 10:00 horas e rematan ás 13:00 horas.
A todo este calendario, debe engadírselle a ‘Xornada Iniciativa Xove’, que o vindeiro 27 de abril impartirá Borja Rubio, dinamizador xuvenil da Dirección Xeral de Xuventude. Rubio presentará Galeuropa, programa de axudas para a realización de prácticas formativas en empresas públicas ou privadas de países europeos.
Na sesión, a partir das 11:00 horas, tamén se falará de ‘Iniciativa Xove’, programa da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado que consiste nunha liña de axudas pensada para que os mozos e mozas podan desenvolver ideas que, transformadas en proxectos e iniciativas de interese, poidan reverter na mocidade actual e na nosa sociedade. Poden participar de dous xeitos: a través de grupos informais de mozos/as ou ben dende as asociacións xuvenís e entidades legalmente constituídas. As actividades serán planificadas e desenvolvidas por eles, fomentando sempre a participación, a axeitada utilización do lecer, a calidade de vida e o benestar, a través dos proxectos integrais e específicos de actuación que propoñan.
Rubio tamén falará do programa de ‘Garantía Xuvenil’, programa para dar resposta á situación laboral na que se atopan moitos mozos e mozas en Galicia. Contempla actuacións para mellorar a empregabilidade, facilitar a inserción no ámbito laboral, promover o emprendemento e mellorar a súa situación dentro do mercado de traballo. Este programa está dirixido a moz@s entre 16 e 29 anos a través do cal se pretende garantir a igualdade de oportunidades no mercado laboral. Tamén busca ofrecer experiencia laboral, formación ou cursos de idiomas e TIC. A inscrición nesta xornada é de balde e para formalizala chega con enviar un correo electrónico a emprego.lugo [at] usc.es (emprego[dot]lugo[at]usc[dot]es), indicando no asunto ‘Iniciativa xove’.