Investigadoras da USC recollen nun libro experiencias educativas a través da animación sociocultural no cárcere de Monterroso
As investigadoras do Grupo de Investigación, Pedagoxía Social e Educación Ambiental (Sepa) da USC Carmen Morán de Castro, María Barba Núñez e Laura Cruz López recollen nun volume as experiencias educativas e novas metodoloxías desenvolvidas neste eido a partir da animación sociocultural no cárcere de Monterroso.
O libro, que leva por título ‘Animación sociocultural en prisión, Experiencia no penal de Monterroso’ é resultado do proxecto de animación sociocultural que comezaron a desenvolver en 2013 o grupo Sepa da USC, un equipo dirixido por José Antonio Caride, en colaboración coa organización social Aliad Ultreia e o propio penal monterrosino, unha iniciativa que aínda segue viva na actualidade.
Esta nova publicación, cuxos contidos e obxectivos centraron este mércores un acto informativo na Casa do Saber de Lugo, parte dunha reflexión teórica sobre as posibilidades de educación nos cárceres, así como respecto dos condicionantes que a propia institución soporta. Esta análise inicial serve de sustento para que as autoras da obra propoñan e defendan a animación sociocultural como enfoque de traballo acaído para promover a transformación dos contextos e condicións de vida dos cárceres, a través da participación das persoas presas, así como de todas a persoas pertencentes á comunidade.
A segunda parte deste volume ofrece unha descrición da proposta metodolóxica desenvolvida no cárcere de Monterroso ao abeiro do proxecto no que colaboran a asociación Aliad Ultreia e Ultreia e o grupo de investigación Sepa da USC, ao tempo que ofrece ao lector experiencias realizadas e outros exemplos de accións de animación sociocultural tamén desenvolvidas con profesionais e persoas voluntarias.