O XV Encontro Universitario de Danza Contemporánea presenta no Campus Terra producións de catro compañías nadas ao abeiro da USC
A décimo quinta edición do Encontro Universitario de Danza Contemporánea da USC, un foro artístico pioneiro en Galicia e tamén dos máis lonxevos do panorama universitario español, congregará os días 19 e 20 de abril na caixa negra do Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL) catro compañías de danza nacidas ao abrigo do Espazo de Danza da USC, dirixido por Juan Carlos Zahera nos campus de Lugo e Santiago. Nesta edición, o Encontro Universitario de Danza Contemporánea achegará ao público lugués as coreografías interpretadas polas compañías danzaUSCompostela, danzaUSC-Lugo, Sen Vergoña do IV Ciclo da USC e a formación independente Son’s .
O Encontro Universitario de Danza Contemporánea da USC, un certame incluído na programación cultural financiada ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que na actualidade se alimenta das achegas financeiras de USC, Concello de Lugo e Deputación Provincial de Lugo, caracterízase na súa décima quinta edición pola aposta de dar visibilidade ás producións propias, creacións cada vez de maior calidade.
Quince anos despois da primeira edición dos encontros universitarios de danza contemporánea na USC, esta modalidade de expresión artística ten acadado unha dimensión transversal entre os membros da comunidade universitaria da institución académica compostelá. A creación e permanencia ao longo dos anos de dúas compañías propias nos campus de Lugo e de Santiago, así como a evolución dunha formación nada ao abrigo da USC que agora comezan a súa andaina de xeito independente ou a máis recente posta en marcha dunha compañía de danza integrada por persoas maiores de 60 anos inscritas en estudos de IV Ciclo Universitario dan mostra das fondas raíces trenzadas pola danza na USC.
A vicerreitora de Servizos Universitairos do campus de Lugo, Carme Silva Domínguez, destacou a pegada da danza no ámbito universitario na presentación da nova edición dun festival co que se busca achegar a danza á cidadanía. A concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Carmen Basadre Vázquez, e a deputada de Cultura, Deseño e Artesanía da Deputación de Lugo, Pilar García Porto, tamén participaron no acto desenvolvido na Domus do Mitreo, onde a formación independente Son’s, integrada por Sara Domingo e Vicente Ávila, e acompañados coa música en directo de Xavier Louriña, presentou un avance da obra ‘Puzzle’.
Programa
A compañía Sen Vergoña, formada por alumnos e alumnas do IV Ciclo da USC no campus de Lugo, abrirá o 19 de abril, a partir das 20.30 horas, na caixa negra do MIHL, este certame coa estrea da nova produción ‘Comeza por 1,2,3’. De seguido a compañía danza USCompostela presentará ‘Envés’. A primeira xornada deste XV Encontro Universitario de Danza Contemporánea da USC rematará no MIHL coa coreografía ‘Pulsos’, a cargo da compañía danzaUSC-Lugo.
Os intérpretes da formación independente Son’s, acompañados da interpretación musical de Xavi Louriña, presentarán tamén no MIHL o 20 de abril, a partir das 20.30 horas, a coreografía ‘Puzzle’. O programa seguirá coa compañía Sen Vergoña de IV Ciclo da USC, que volverá interpretar a peza ‘Comeza por 1, 2, 3...’. A compañía danza USCLugo pechará de seguido as funcións do XV Encontro Universitario de Danza Contemporánea cun novo pase de ‘Pulsos’. A entrada ás distintas sesións é libre e gratuíta ata completar aforo.