Un foro de enxeñaría de Aeipro pon en valor na EPS do Campus Terra a dirección de proxectos
O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno, e o coordinador do máster oficial da USC en Dirección de Proxectos, Carlos Amiama Ares, foron os encargados de abrir este foro, que permitiu estreitar aínda máis as ligazóns existentes entre a EPS e a Asociación Española de Dirección e Enxeñaría de Proxectos (Aeipro), que se comprometeu a organizar con certa periodicidade novas accións formativas e de divulgación no centro universitario lugués, no que o próximo ano a USC botará a andar a décima edición do seu máster oficial en Dirección de Proxectos.
A directora de proxectos da empresa Norvento Enerxía, Liliana Grande, abriu a quenda de relatorios desta xornada, que contou con preto de 80 participantes, cunha intervención sobre a importancia da xestión de riscos nos proxectos de enerxías renovables. Os proxectos na administración portuaria centraron a temática do relatorio ofrecido a continuación por José Enrique Escolar, xefe da área de planificación e infraestruturas do Porto de Vigo.
O capitán de navío e xefe de Enxeñaría e Construcións do Arsenal de Ferrol, Gabriel Braña abordou neste foro as principais características dos sistemas de adquisición de armamento en EE.UU. e Reino Unido, mentres que o delegado de Eptisa para Galicia e Asturias, Vicente Alcón Vidal, falou sobre a xestión de grandes proxectos de infraestruturas. As xornadas rematarán cunha intervención do presidente de Aeipro, Salvador Capuz, sobre novos estándares para a dirección de proxectos e programas.