O ciclo ‘Xeomática e café’ bota a andar na EPS do Campus Terra o xoves 30 cun foro sobre enxeñaría e cooperación
O proxecto ‘Xeomática e café’, unha iniciativa promovida pola delegación territorial de Galicia do Colexio Oficial de Enxeñaría Xeomática e Topográfica, botará a andar o xoves 30 de marzo, a partir das 12.00 horas, na cafetería da Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC, en Lugo.
Este ciclo atópase estruturado nunha serie de encontros informais con perspectiva de réplica en diversas cidades e a través dos que se pretende divulgar contidos profesionais, científicos e académicos de carácter transversal e de interese para o ámbito da arquitectura e enxeñaría, especialmente para a enxeñaría en Xeomática e Topografía.
O obxectivo de 'Xeomática e café' é o de crear sinerxías entre os participantes, fomentado a dimensión multidisciplinar nos grupos de traballo e o debate. Deseñar estratexias acaídas aos contextos actuais de comunicación virtual e de tecnoloxías en constante avance é outro dos cometidos cos que nace este proxecto. A primeira sesión deste programa contará como relator con Marcos Rial Docampo, graduado en enxeñaría en Xeomática e Topografía e voluntario do Grupo Agro de Enxeñaría Sen Fronteiras (ESF) desde 2016.
Rial Docampo falará, arredor dun bo café, da súa experiencia en cooperación internacional a través do programa "Coñecemento da realidade", promovido por ESF, e da súa estadía no Golfo de Fonseca (Honduras), onde participou como colaborador en proxectos de soberanía alimentaria e fortalecemento de asociacións locais.
O Servizo de Participación e Integración Universitaria (Sepiu) da USC, o colectivo da USC Proxéctate en Galego, a propia ONG Enxeñaría Sen Fronteiras (ESF), a Escola Politécnica Superior de Lugo e o Campus Terra da USC son algunhas das entidades que colaboran coa delegación territorial en Galicia do Colexio Oficial de Enxeñaría Xeomática e Topográfica no desenvolvemento do proxecto 'Xeomática e café'.