Skip to main content

Xornada sobre programas de voluntariado e vantaxes académicas para o estudantado en Formación do Profesorado

Jornada sobre programas de voluntariado y ventajas académicas para el estudiantado en Formación del Profesorado
Jornada sobre programas de voluntariado y ventajas académicas para el estudiantado en Formación del Profesorado
A Facultade de Formación do Profesorado do Campus Terra da USC acolle este martes, a partir das 16.00 horas, no salón de actos do centro, unha xornada sobre programas de voluntariado e vantaxes...
Lugo

A Facultade de Formación do Profesorado do Campus Terra da USC acolle este martes, a partir das 16.00 horas, no salón de actos do centro, unha xornada sobre programas de voluntariado e vantaxes académicas para o estudantado universitario. Este foro, promovido polo Servizo de Participación e Integración Universitaria (Sepiu), a través da oficina de Voluntariado do campus de Lugo, en colaboración coa profesora Uxía Garrido Filgueira, coordinadora xeral do Practicum na Facultade de Formación do Profesorado, está orientado a estudantes de primeiro curso do grao de Mestre/a en Educación Primaria, aínda que está aberta á participación de todo o público interesado.

 

A coordinadora xeral do Practicum na Facultade de Formación do Profesorado da USC, Uxía Garrido Filgueira, e a responsable da oficina de Voluntariado na sede universitaria luguesa, Fátima Teixeiro, abrirán este foro sobre voluntariado cun breve acto de benvida aos estudantes presentes que tamén servirá para presentar ás representantes das catro entidades sen ánimo de lucro que intervirán como relatoras.

 

A xornada, programada coa pretensión de dar a coñecer á comunidade estudantil universitaria algunhas das posibilidades existentes para desenvolver actuacións de voluntariado coa infancia, contará como relatoras con Cristina Rodríguez e Talía Rodríguez, de Down Lugo; Olga Blanca Legaspi, presidenta da Asociación Capaces Lugo; Tamara Caloto López e Ana López Mourelo, educadoras sociais da Asociación de Promoción e Integración Xitana de Lugo, e Tania Cobas, integrante do equipo socioeducativo da Fundación Juan Soñador.

 

Alén das intervencións destas persoas, que presentarán os distintos programas ou accións nas que poden colaborar os estudantes universitarios como voluntarios, ao tempo que relatarán algunhas das súas experiencias, Uxía Garrido e Fátima Teixeiro, tamén aproveitarán este encontro con estudantes para informarlles das vantaxes académicas que reporta a participación neste tipo de programas de voluntariado, tales como son o recoñecemento de créditos académicos. O enriquecemento persoal e tamén profesional que depara o coñecemento de realidades e situacións menos coñecidas a través de accións de voluntariado en aras de ter unha visión máis axustada de cada caso tamén será outro dos aspectos sobre os que afondarán as relatoras.

 

Logo desta primeira xornada informativa sobre programas de voluntariado, unha acción que xa se vén desenvolvendo na Facultade de Formación do Profesorado desde hai varios anos, o centro universitario lugués volverá ser o 29 de marzo escenario doutra sesión informativa, na que intervirán como relatores representantes doutras catro organizacións sociais con implantación da cidade de Lugo.

The contents of this page were updated on 02.25.2022.