Skip to main content

Aresa favorece a transmisión do coñecemento cunha nova aula polivalente na Facultade de Veterinaria do Campus Terra

Aresa favorece la transmisión del conocimiento con una nueva aula polivalente en la Facultad de Veterinaria del Campus Terra
Aresa favorece la transmisión del conocimiento con una nueva aula polivalente en la Facultad de Veterinaria del Campus Terra
O grupo empresarial Aresa favorece a transmisión de coñecemento na Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC coa apertura dunha nova e moderna aula polivalente, dotada con todos os equipamentos...
Lugo

O grupo empresarial Aresa favorece a transmisión de coñecemento na Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC coa apertura dunha nova e moderna aula polivalente, dotada con todos os equipamentos técnicos precisos para usos docentes e con capacidade para preto de 40 alumnos, tal e como indicou o decano do centro universitario lugués, Germán Santamarina Pernas, na inauguración desta nova instalación.

 

O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno Lema; o presidente fundador de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, e Carlota López, do grupo Aresa, tamén participaron na sesión inaugural da Aula Aresa 2 da Facultade de Veterinaria, un espazo acondicionado coa achega financeira recibida do citado grupo empresarial e que xa está a disposición de todos os membros da comunidade universitaria do Campus Terra da USC.

 

A posta en marcha desta nova instalación permite solucionar algunhas das necesidades advertidas na Facultade de Veterinaria de Lugo, “un edificio ao que nos trasladamos hai xa 27 anos e cuxas características e espazos responden ás necesidades educativas daquela época”, lembrou Santamarina, para, de seguido, precisar que “as novas esixencias normativas derivas do Plan Boloña requiren traballar con grupos de alumnado reducido, organización de seminarios...”.

 

Santamarina comentou asemade que a apertura desta Aula Aresa, a  segunda existente no centro logo do acondicionamento doutro espazo do centro universitario financiado coa dotación económica do Premio Aresa que distinguiu a Facultade de Veterinaria da USC en 2008, encádrase dentro dunha reconversión de espazos máis ampla e que inclúe tamén unha aula contigua para reunións de traballo e conectada a través de videoconferencia.

 

O presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, agradeceu as palabras do decano así como a colaboración da Facultade de Veterinaria neste proxecto e salientou que esta nova achega do grupo á USC responde “ao compromiso que Aresa ten coa Universidade, en especial co Campus Terra, co fin de apoiar a investigación de novas iniciativas e proxectos que contribúan ao desenvolvemento e progreso do sector agrogandeiro”.

 

A dilatada colaboración que vén mantendo o grupo empresarial Aresa coa USC e que se fai visible especialmente no Campus Terra, foi un dos argumentos apuntados polo vicerreitor de Coordinación da sede universitaria luguesa, Javier Bueno Lema, no marco dun acto que congregou a numerosos profesores e investigadores da USC.

  

The contents of this page were updated on 02.25.2022.