O programa Hortos da USC arranca este xoves na EPS do Campus Terra cunha sesión sobre preparación de terreos e fertilización
A Oficina de Desenvolvemento Sostible, dependente da Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, pon en marcha este xoves a formación ligada ao programa de Hortos da USC cunha sesión teórica, a partir das 18.00 horas, que se impartirá no seminario II da Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC.
A preparación do terreo e a fertilización serán os conceptos a tratar na primeira sesión teórica deste programa formativo, que terá continuidade ata o mes de maio. Na segunda sesión, prevista para o 30 de marzo traballarase a planificación do horto e os sementeiros. O 6 de abril abordaranse cuestións relativas á preparación de fitosanitarios ecolóxicos. O 20 de abril o programa centrarase nunha nova remesa de sementeiros, mentres que o 4 de maio está previsto abordar a preparación e uso de acolchamentos. A formación deseñada ao abeiro do programa Hortos da USC está aberta a calquera membro da comunidade universitaria, previa inscrición a través do correo plands [at] usc.es (plands[at]usc[dot]es).
O obxectivo desta iniciativa, que se rexe polos principios da agricultura ecolóxica, é o de promover un modelo de desenvolvemento sostible. De feito, os hortos son un espazo para a formación, o pracer de cultivar e de compartir. Representan asemade unha excelente ferramenta para reducir a pegada de carbono alimentaria, promovendo a produción de alimentos na contorna, reducindo as emisións de gases de efecto invernadoiro pola produción e transporte dos alimentos que consumimos e contribuíndo a un modelo de comercio xusto co que a USC está comprometida.
Compartir un horto pode ser unha experiencia a través da que coñecer a outras persoas que comparten o interese na agricultura ecolóxica, a horticultura urbana ou simplemente o traballo na terra. Deste xeito, os hortos convértense en espazos para a cohesión da comunidade, practicando colectivamente un estilo de vida máis sostible e máis saudable. Pode obterse máis información ou formalizar a inscrición a través do correo plands [at] usc.es (plands[at]usc[dot]es).