A EPS do Campus Terra promociona os seus títulos entre o alumnado de ciclos formativos de grao superior
Docentes da Escola Politécnica Superior do Campus Terra pronunciarán ao longo deste mes de marzo distintas charlas en centros onde se imparten ciclos formativos de grao superior coa intención de promocionar as súas titulacións e amosarlle ao alumnado de formación profesional as saídas laborais ás que poden acceder se estudan un grao universitario.
Deste xeito, o profesor Adolfo López Fabal presenta este venres o grao en Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria e o dobre grao en Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria e Enxeñaría Forestal e do Medio Natural no CFEA de Guísamo en Bergondo, mentres que o luns 6 asistirá ao IES Leiras Pulpeiro de Lugo e o xoves 16, ao CIFP Coroso en Ribeira.
Pola súa parte, o profesor Guillermo Riesco visita este venres o IES de Arzúa para presentar o Grao en Enxeñaría Forestal así como o dobre grao en Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria e Enxeñaría Forestal e do Medio Natural. O luns 6 visitará o IES da Terra Chá José Trapero Pardo; o martes 7, o CFEA Alta Montaña de Becerreá; o venres 10, o IES Cidade de Antioquía en Xinzo de Limia; e o martes 14, o IES San Rosendo de Modoñedo.
Finalmente, os profesores María José Iniesto, Jaime Rodríguez e Carlos Núñez presentarán o grao en Enxeñaría en Xeomática e Topografía, así como o dobre grao en Enxeñaría Civil e Enxeñaría en Xeomática e Topografía, no CIPF Politécnico de Lugo, o mércores 8 de marzo; así como no IES As Mariñas de Betanzos, o próximo día 10; e no Politécnico de Vigo, o 17 .