Unha pasarela peonil en madeira para o Camiño de Santiago, premio fin de proxecto do Máster da Madeira do Campus Terra da USC e Confemadera Galicia
O Máster en Enxeñaría da Madeira Estrutural do Campus Terra da Universidade de Santiago (USC), que conta co patrocinio de Confemadera Galicia, premiou os alumnos María Portela, Francisco Javier Ávalos e Mariano González, no acto de clausura e entrega de premios aos proxectos fin de máster que tivo lugar o venres 16 de decembro, na Escola Politécnica Superior.
Un total de 29 estudantes presentaron 17 proxectos nos que incluíron propostas de actuacións e construción en madeira e unha aplicación informática para facilitar o cálculo de unións neste material.
O primeiro premio foi para María Portela, enxeñeira forestal que deseñou unha pasarela peonil no Camiño de Santiago ao seu paso por Portomarín (Lugo) baixo o título “Recuperando o camiño das estrelas”. O deseño é unha proposta de pasarela peonil para O Regato das Torres e permite a acollida masiva de peregrinos, ademais de manter a relación ambiental co espazo tendo en conta a historia e tradición locais.
O segundo premiado, Francisco Javier Ávalos, é arquitecto técnico pola Universidade de Granada e presentou “Embark Forest School Classroom”. Un edificio de planta circular construído en madeira e materiais reciclados locais para albergar unha escola forestal en Escocia. Utilizando madeira en rolo de pequeno diámetro e unha estrutura recíproca como cuberta, esta proposta supón unha aposta pola construción sustentable.
O terceiro premio recaeu nunha aplicación informática de cálculo de unións de madeira na nube co título “Woodcalc”, creada por Mariano González Sanz, un enxeñeiro de Montes segoviano. “Woodcalc” facilita o cálculo de estruturas en madeira, en concreto, as unións tradicionais de madeira con fixación tipo clavixa, embarbillados e apoios con entalladuras, entre outros.
O acto estivo presidido por Andrés Barreiro, vicerreitor de Desenvolvemento Científico e Tecnolóxico do Campus de Lugo, e no mesmo tamén participaron, ademais do presidente de Confemadera, Elier Ojea, Alfonso Lozano, presidente do xurado dos Premios Proxecto fin de Máster e Manuel Guaita, director do Máster.
Desde o ano 2009, 224 alumnos finalizaron o Máster en Enxeñaría da Madeira Estrutural do Campus Terra da USC. Trátase de profesionais da arquitectura, enxeñeiros técnicos forestais, enxeñeiros en edificación ou topografía, así como estudantes procedentes de Galicia, Asturias, Castela e León, Madrid, Andalucía, Portugal e Ecuador.
O Máster, único en España polos seus contidos formativos, conta con 62 profesores de perfil académico, investigador e profesional que proceden das Universidades de Santiago de Compostela, Politécnica de Madrid, Vigo, Valladolid, A Coruña, Oviedo e Estremadura. O programa inclúe profesorado internacional das Universidades de Campiñas (Brasil) e Trento (Italia).
Os alumnos profundan en temas como a produción de madeira, silvicultura e xestión forestal sustentable, as propiedades tecnolóxicas da madeira, o seu clasificado e caracterización. Tamén se abordan o cálculo de estruturas, o aforro enerxético ou a bioconstrucción. O programa inclúe prácticas de laboratorio, visitas a obras singulares e un proxecto final de carreira. Finalizado o máster pódense inscribir no rexistro de Especialistas en Madeira Estrutural que lles pon en contacto con empresas.