O programa Santander Yuzz aterra no Campus Terra da USC
Unha nova edición do programa “Santander YUZZ - Jóvenes con ideas” chega ao Campus Terra da USC. Este programa é unha oportunidade para formarse de maneira gratuíta e adquirir habilidades profesionais e os coñecementos necesarios para sacar adiante unha idea empresarial innovadora e de base tecnolóxica, da man de expertos de primeiro nivel. Xunto á formación presencial en innovación, liderado, finanzas, mercadotecnia ou modelos de negocio, entre outros, un titor encárgase de asesorar ao participante durante todo o programa.
Unha vez finalizado o proceso de formación, os mellores participantes de cada un dos centros YUZZ viaxarán a Silicon Valley, a meca mundial da innovación. Ademais, o tres mellores proxectos de todo o país recibirán unha dotación económica para axudarlles a pór en marcha o seu negocio: 30.000 € para o primeiro premio, 20.000 € para o segundo e 10.000 € para o terceiro, xunto ao premio YUZZ Muller dotado con 20.000 €.
Este programa está promovido por Banco Santander a través de Santander Universidades e coordinado polo Centro Internacional Santander Emprendimiento (CISE) e a colaboración, a nivel local, da Universidade de Santiago de Compostela e da Secretaría Xeral de Emprego da Xunta de Galicia. O programa desenvólvese en máis de 45 cidades con centros de formación propios en cada localidade.
A convocatoria para participar na presente edición deste programa permanecerá aberta ata o 2 de decembro de 2016. Todos os interesados en desenvolver a súa idea de negocio e optar ás viaxes e 80.000 euros en premios, deberán presentar a súa candidatura a través dun formulario dispoñible en http://yuzz.org.es/formulario-inscripcion/