O Campus Terra da USC dálle a benvida ao seu alumnado internacional
O Campus Terra da USC recibe este mércores o seu alumnado internacional cun acto de benvida que terá lugar na Casa do Saber. Ás 17:00 horas, o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Javier Bueno Lema, e a vicerreitora de Servizos, Carme Silva, acompañados polo vicepresidente da Deputación Provincial de Lugo, Álvaro Santos, saudarán o novo alumnado e presentaranlles os servizos aos que teñen acceso como integrantes do Campus Terra da USC. Trala intervención dos representantes do Centro de Linguas Modernas e do Servizo de Relacións Exteriores do Campus Terra, os alumnos e alumnas convocados/as para este acto dirixiranse, ás 18:00 horas, ao Concello de Lugo onde serán recibidos pola alcaldesa Lara Méndez.
Xa de volta na Casa do Saber, o alumnado poderá percorrer a Domus do Mitreo. Asemade, a técnica do Servizo de Participación e Integración Universitaria (SEPIU) do Campus Terra, acompañaraos na actividade de emparellamento cos seus respectivos buddies, alumnos e alumnas do campus lucense encargados de acompañar ao alumnado internacional durante todo o curso a fin de favorecer a súa integración na universidade e na cidade de Lugo.