O Campus Terra da USC traslada a universidade á túa casa
Que é a formación semipresencial?
A formación semipresencial permíteche...
No Campus Terra da USC podes obter unha titulación sen moverte da túa casa grazas á formación semipresencial.
Que é a formación semipresencial?
A formación semipresencial permíteche cursar unha titulación de modo online xa que, na plataforma Moodle, disporás de todos os recursos didácticos en formato textual e/ou multimedia. Dito doutro xeito, a formación semipresencial traslada a universidade á túa casa.
Pero estou obrigado/a a asistir de forma presencial a un número mínimo de clases?
Depende da titulación. Nalgunhas, ti decides as aulas ás que queres asistir, pero se prefires cursar a titulación completa online, podes facelo. As clases sempre estarán á túa disposición para que vaias a elas cando o consideres necesario e só cando a ti che apeteza. Preocupámonos ademais de facerche máis doado o seguimento das aulas, ben empregando tecnoloxías como a videoconferencia (para que as podas seguir a distancia), ben habilitando horarios pensados para seren compatibles con outras actividades, ben ofrecéndoche a gravación das sesións e así poder visualizalas na casa con total liberdade. Lembra que as clases che ofrecen un contacto persoal co profesor ou profesora da materia, coa que poderás intercambiar impresións sobre aqueles aspectos que máis che interesen das aulas. Para unha información máis detallada podes contactar co coordinador ou coordinadora do teu máster ou grao e informarte sobre se existen condicións de asistencia obrigatoria no título que che interesa.
Entón cal é a diferenza entre a formación online e a formación semipresencial?
Pois a diferenza radica en que na formación semipresencial, as clases presenciais sempre estarán á túa disposición para que botes man delas cando o precises; porén, na formación online non existe esta posibilidade. Moitas das aulas adoitan gravarse para que o alumno poda consultalas dende a súa casa. O contacto co profesorado responsable da materia é un recurso máis, aínda que se vives lonxe ou non che vai ben desprazarte ata Lugo para todas as sesións de aulas sempre podes optar por relacionarte con cada docente a través das ferramentas do contorno virtual (chat, correo electrónico, etc.). Cada vez detectamos un maior interese pola condición semipresencial desta docencia, que che permite cursar ao teu ritmo títulos oficiais de grao e máster ao tempo que, por exemplo, realizas prácticas dentro e fóra de España, desenvolves a túa actividade profesional cotiá ou atendes as túas responsabilidades persoais e familiares.
Se me matriculo, por vez primeira, nun grao que permita a formación semipresencial xa non teño dereito ao desconto do 50% na matrícula?
Por suposto que tes dereito. O feito de que te decantes pola modalidade semipresencial non altera en absoluto o teu dereito a ese desconto.
Que titulacións podo cursar baixo a modalidade semipresencial?
No Campus Terra da USC podes cursar as seguintes titulacións:
Grao en Ciencias da Cultura e Difusión Cultural
Máster Universitario en Servizos Culturais
Máster Universitario en Prevención de Riscos Laborais e Saúde Medioambiental
Máster Universitario en Arquitectura da Paisaxe Juana de Vega