Campus Terra presenta o programa de valorización “Acelerador de Transferencia”
A Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE) da USC presenta este mércores 29 de xuño no Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela, o programa de valorización “Acelerador de Transferencia”, o cal alberga como obxectivo principal facilitar a transferencia de resultados de investigación, xerados polos grupos de investigación da USC, ao mercado.
A xornada terá lugar no Edificio CACTUS a partir das 11.00 horas. Comezará coa presentación do vicerreitor de Desenvolvemento Científico e Tecnolóxico do Campus de Lugo, Andrés Barreiro Lois, e do adxunto ao reitor para Transferencia, Innovación e Emprendemento, José Manuel Cotos Yáñez. A continuación, o director da AVTE, José Luis Villaverde Acuña, explicará as características do programa e as súas fases. A xornada rematará coa presentación de dous casos de éxito do Acelerador, o do profesor do Departamento de Patoloxía Animal da Facultade de Veterinaria Gonzalo Fernández e o do profesor do Departamento de Farmacia e Tecnoloxía Farmaceútica Francisco Otero Espinar.
O propósito do Acelerador de Transferencia é levar a cabo as accións necesarias para cubrir a fenda entre os resultados do que tipicamente se considera un proxecto de investigación e un coñecemento o suficientemente maduro para que resulte de interese para unha empresa ou outro axente externo, co obxectivo de aumentar as posibilidades de transferencia e, polo tanto, o seu valor.
O xoves 30 celebrarase o acto de presentación en Santiago de Compostela.