Skip to main content

Encontro internacional sobre poetas contemporáneos na Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética

Encontro internacional sobre poetas contemporáneos na Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética
Encontro internacional sobre poetas contemporáneos na Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética

Baixo o título ‘6 poetas universais en 6 linguas románicas’, o luns 17 desenvolverase na Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética da USC, emprazada no último andar da Biblioteca da Facultade de Filoloxía, un encontro internacional de doutores e creadores sobre poetas contemporáneos.

Nesta ocasión, seis doutores especialistas en poesía presentados polo poeta e director da Cátedra Valente, Claudio Rodríguez Fer, ocuparanse doutros tantos poetas universais en seis linguas diferentes: José Ángel Valente traducido ao portugués, Rosalía de Castro como autora en galego, o ligur Eugenio Montale como autor en italiano, o bretón Guillevic como autor en francés, a moldava Nina Cassian como autora en romanés e o arxentino Juan Gelman como autor en castelán.

O encontro dará comezo ás 11.30 horas coa intervención do poeta e investigador galego Saturnino Valladares, profesor na Universidade Federal do Amazonas en Manaos (Brasil) doutorado cunha tese sobre o epistolario de Valente cos poetas da súa idade, que presentará a súa tradución ao portugués de No amanece el cantor. Seguidamente intervirá a escritora e doutora galega Carmen Blanco, profesora de Literatura Galega da USC e especialista en creación de mulleres, tratando a Rosalía de Castro vista por José Ángel Valente, relación sobre a que publicou varios artigos. A xornada da mañá rematará co profesor e ensaísta galego Manuel Fernández Rodríguez, doutor cunha tese sobre Valente, quen falará de Eugenio Montale, poeta traducido do italiano ao español por Valente.

A sesión da tarde iniciaraa a ensaísta e galicista galega María Lopo, doutora en Literatura Francesa pola Universidade da Alta Bretaña e estudosa das relacións de Valente coa cultura francesa, quen falará de Guillevic, poeta bretón que compartiu conexións célticas e minimalismo formal con Valente. Seguiralle a tradutora, filóloga e profesora transilvana Adina Ioana Vladu, doutora en Lingüística pola Universidade de Bucarest e autora de versións de poemas romaneses ao galego e galegos ao romanés, entre os que se contan os da poeta Nina Cassian, coetánea de Valente. Por último, intervirá a hispanista e investigadora francesa Claudie Terrasson, catedrática da Universidade de París-Este Marne-La-Vallée que se doutorou coa primeira tese sobre Valente defendida en Francia, sobre Juan Gelman e a súa relación literaria co poeta galego.

Este encontro internacional súmase aos xa realizados na Cátedra Valente con poetas como o español Antonio Gamoneda e o francés Bernard Noël, ou con filósofos como José Luís Pardo. Neles participaron filólogos de Europa, como o británico Arthur Terry; de África, como a marroquí Fatiha Benlabbah, e de América, como o estadounidense Jonathan Mayhew, todos eles estudosos de Valente, ademais de moitos outros investigadores galegos e españois.

The contents of this page were updated on 12.14.2018.