Skip to main content

Información dos estudos propios

O CEP xestiona a oferta de Estudos abertos ao tecido social e produtivo, co obxectivo de fortalecer a formación, nos diversos campos do saber. A calidade destes estudos garántese a través do seu Sistema Interno de Garantía de Calidade.

  1. Corresponde ao CEP da USC a oferta, tramitación, avaliación de calidade destes estudos.
  2. A xestión académica do alumnado dos títulos propios correspóndelle ao Servizo de Xestión Académica da USC

A oferta de títulos propios estará expresada en créditos ECTS conforme ao sistema establecido no Real Decreto 1125/2003, de 5 de setembro.

Para os efectos de deseño da oferta académica, a USC establecerá os criterios para determinar as horas de docencia, de traballo do alumnado e de prácticas tuteladas que conforman este tipo de créditos nos estudos propios.

  1. Os estudos propios poderán requirir ou non de titulación universitaria previa.
  2. Os estudos propios que requiran titulación universitaria previa teñen por obxectivo a ampliación de coñecementos e competencias, a especialización e a actualización formativa de titulados e tituladas universitarias. Atendendo á súa carga lectiva, poderán organizarse en tres modalidades:
    • Máster de Formación Permanente, de 60, 90 ou 120 créditos ECTS.
    • Diploma de Especialización, entre 30 e 59 créditos ECTS
    • Diploma de Experto/a, entre 15 e 29 créditos ECTS.
  3. Os estudos propios que non requiran titulación universitaria cunha carga lectiva igual ou superior a 15 créditos ECTS denominaranse Cursos de Formación Continua.
  4. Os estudos propios cunha carga lectiva inferior a 15 créditos ECTS, requiran ou non titulación universitaria previa e organizados a través de microcredenciais ou micromódulos, denominaranse Cursos de Formación Específica.

As ensinanzas de formación permanente poderán desenvolverse na modalidade docente presencial, híbrida ou virtual.

Másteres de Formación Permanente

  1. Os Másteres de Formación Permanente contarán cunha carga lectiva de 60, 90 ou 120 créditos ECTS. Terán unha duración máxima de dous cursos académicos.
  2. Os Másteres de Formación Permanente esixirán os mesmos requisitos de acceso que os Másteres oficiais.
    Poderá ser admitido o alumnado ao que lle reste por superar o TFG e, como máximo, 9 créditos ECTS correspondentes á titulación de acceso requirida. Neste caso, non poderá obter o título de Máster en Formación Permanente quen previamente non obtivera o título de Grao.
  3. A superación do programa de estudos dará dereito á expedición do título de “Máster de Formación Permanente en ...”. Este título expedirase unicamente para aquel alumnado que superara a titulación de acceso antes de rematar o curso académico no que finaliza.

Diploma de Especialización

  1. O Diploma de Especialización deberá ter un mínimo de 30 e un máximo de 59 créditos ECTS. Terá unha duración máxima dun curso académico.
  2. Os requisitos de acceso serán os mesmos que para os másteres oficiais. Poderá ser admitido nun Diploma de Especialización o alumnado ao que lle reste por superar o TFG e, como máximo, 9 créditos ECTS correspondentes á titulación de acceso requirida. Neste caso, non poderá obter o Diploma de Especialización quen previamente non obtivera o título de Grao.
  3. A superación do Diploma dará dereito á expedición do “Diploma de Especialización en...” unicamente para o alumnado que superara a titulación de acceso antes de rematar o curso académico no que finaliza.

Diploma de Experto/a

  1. O Diploma de Experto/a deberá ter unha carga mínima de 15 e máxima de 29 créditos ECTS. Terá unha duración máxima dun curso académico.
  2. Os requisitos de acceso serán os mesmos que para os másteres oficiais. Poderá ser admitido nun Diploma de Experto/a o alumnado ao que lle reste por superar o TFG e, como máximo, 9 créditos ECTS correspondentes á titulación de acceso requirida. Neste caso, non poderá obter o Diploma de Experto/a quen previamente non obtivera o título de Grao.
  3. A superación do Diploma dará dereito á expedición do “Diploma de Experto/a en...”, unicamente para aquel alumnado que superara a titulación de acceso antes de rematar o curso académico no que finaliza.

Cursos de Formación Continua que non requiren titulación previa

  1. Os Cursos de Formación Continua teñen por finalidade a ampliación e actualización dos coñecementos, competencias e habilidades formativas ou profesionais das persoas sen titulación universitaria, que contribúan á súa mellor inserción laboral. Contarán cunha carga de 15 créditos ECTS ou superior.
  2. A dirección do curso poderá establecer, na correspondente proposta, os criterios de avaliación do alumnado que se consideren pertinentes.
  3. A superación do curso dará dereito á expedición dun certificado en formato electrónico acreditativo da formación recibida, previo aboamento da taxa que se estableza, no que constarán a denominación do curso, o número de créditos e as materias cursadas. O modelo de certificación será establecido pola Secretaría Xeral.

Cursos de Formación Específica

  1. Os Cursos de Formación Específica, en forma de microcredenciais ou micromódulos, certificarán os resultados de aprendizaxe ligados a actividades formativas cunha carga de menos de 15 créditos ECTS.
  2. Por proposta da dirección, o acceso aos Cursos de Formación Específica poderá requirir ou non de titulación universitaria previa.
  3. A dirección do curso poderá establecer, na correspondente proposta, os criterios de avaliación do alumnado que se consideren pertinentes.

A superación do curso dará dereito á expedición dun certificado en formato electrónico acreditativo da formación recibida, previo aboamento da taxa que se estableza, no que constarán a denominación do curso, o número de créditos e as materias cursadas. O modelo de certificación será establecido pola Secretaría Xeral.

Admisión

Realizarase a través da Secretaría Virtual de alumnos da USC.

A xestión do proceso de selección para a admisión do alumnado dun curso corresponde a dirección, aplicando os criterios que fosen aprobados polos órganos competentes e debidamente publicados na oferta.

A admisión nun curso propio implica a autorización da matrícula dos interesados no prazo establecido na proposta publicada que corresponda.

Se a dirección denegase a admisión nun curso dunha persoa interesada, esta poderá aportar, no prazo de 5 días hábiles, documentación acreditativa de que cumpría os requisitos pertinentes antes da finalización do período de admisión ou alegar que foron aplicados incorrectamente os criterios de selección. Unha vez recibidas as reclamacións á admisión no curso, será a dirección do curso quen deberá resolver o que proceda no prazo de 3 días hábiles.

Poderá establecerse un pago a conta por preinscrición, se así se propón o curso e o aproba ó órgano competente da USC. Este pago considerarase abonado a conta do prezo total de matrícula, se fose finalmente realizada. O importe de dito pago a conta non poderá superar o 3% do prezo de matrícula do curso. Este pago pola preinscrición será devolto cando a dirección decida non realizar o curso por non acadar o número mínimo de alumnos previsto e tal información fose publicada na oferta.

Matrícula

Realizarase a través da secretaria virtual do alumnado da USC.

Non será de aplicación ningún tipo de exención, redución ou subvención de prezos públicos dos establecidas na convocatoria oficial de matrícula da USC, ao alumnado que se matriculen nestes estudos da USC.

Prezos

Os estudantes que formalicen matrícula en calquera dos estudos propios deberán aboar as taxas que para cada un dos estudos teña aprobado o Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela, e que se farán públicos mediante a resolución reitoral que desenvolverá o devandito acordo, polos conceptos de matrícula e servizos docentes.

Nos Másteres de Formación Permanente e nos Diplomas de Especialización e de Experto/a poderán asinarse convenios con institucións externas para a dotación de bolsas de matrícula, totais ou parciais. As bolsas serán adxudicadas ás persoas solicitantes pola Comisión Académica do curso, segundo os criterios establecidos en cada convenio, publicados no taboleiro electrónico da USC ao tempo da convocatoria, sen prexuízo doutro tipo de publicidade.

A Resolución reitoral de 30 de abril de 2013 sobre pagamento e recadación de impagos por matrícula, será de aplicación para estes estudos.

Recoñecemento e validación de Estudos

O alumnado poderá solicitar o recoñecemento e validación de estudos conforme ao establecido no Regulamento de Estudos Propios da USC.

As solicitudes deberán ser presentadas pola Sede Electrónica da USC.

Seguro Obrigatorio

A Universidade estableceu un Seguro Obrigatorio de Accidentes e Asistencia en viaxe para estudantes da USC (Acordo Consello de Goberno 29 de xuño de 2009). Para garantir que todo o alumnado teña subscrito un seguro obrigatorio de accidentes no momento de matricularse, o seu importe inclúese xunto coa liquidación de matrícula.

Anulación de matrícula

Será posible renunciar á matrícula no prazo dos cinco días hábiles posteriores ao remate do período de matrícula. Non se devolverá o importe correspondente ao seguro obrigatorio de accidentes e asistencia en viaxe para o alumnado da USC.

As solicitudes deberán ser presentadas pola Sede Electrónica da USC.

O alumnado que supere os estudos terá dereito á expedición do correspondente título, diploma ou certificación académica en formato electrónico outorgado pola USC, previo pagamento dos prezos públicos correspondentes.

Os títulos e diplomas da USC cumprirán coas seguintes garantías formais:

  1. Expedición en modelo normalizado
  2. Emisión segundo a seguinte denominación: “Máster de Formación Permanente en....”, “Diploma de Especialización en.…” ou “Diploma de Experto/a en.…”. No caso dos títulos, figurarán ademais:
    1. As sinaturas do reitor ou da reitora, da persoa responsable da dependencia administrativa encargada da tramitación e expedición do título e da persoa interesada.
    2. Constancia no Rexistro Universitario de Títulos Propios, con análogas condicións de identificación, custodia, certificación e carácter público dos títulos oficiais.
  3. A superación dos Cursos de Formación Continua e de Formación Específica dará dereito á expedición dunha certificación en formato electrónico coa denominación do curso realizado, os seus contidos e o número de créditos ECTS de duración, previo pagamento dos prezos públicos correspondentes.
  4. Os procedementos de expedición, duplicados e entrega dos títulos e diplomas serán os fixados pola USC.
  5. Para a expedición de títulos interuniversitarios ou en colaboración con fundacións, entidades ou organizacións, tanto públicas como privadas, estarase ao disposto no Regulamento e no respectivo convenio de colaboración.
The contents of this page were updated on 02.12.2024.