USC e Concello de Santiago renovaron o convenio para o programa de atención bucodental a persoas en risco de exclusión social
Garantir o dereito á saúde no eido bucodental daquelas prestacións non cubertas pola Seguridade Social entre persoas de risco de exclusión social é un dos fundamentos do convenio de colaboración que renovaron recentemente a USC e o Concello de Santiago. Na execución deste programa participarán persoal docente das materias clínicas do grao en Odontoloxía, así como alumnado de 3º, 4º e 5º curso de materias clínicas.
A estes servizos poderán acudir persoas con idades entre 5 e 80 anos en risco de exclusión social segundo os criterios establecidos na Ordenanza de Garantía Básica Cidadá do Concello de Santiago de Compostela, ademais de presentar unha situación odontolóxica abordable dentro dos obxectivos do programa. O acordo posúe unha dupla dimensión xa que permitirá desenvolver un labor de educación sobre saúde bucodental coas persoas beneficiarias, identificando actitudes de risco e instaurando medidas preventivas, e executar tratamentos en pezas dentais susceptibles de poder ser conservadas mediante técnicas odontolóxicas básicas, así como a restauración de dentes perdidos con próteses removibles.
Como se recolle no documento que regula o acordo, a boa saúde dental mellora a capacidade de comer ou falar, a autoestima e as relacións sociais, favorecendo a integración e a inserción social e laboral. USC e Concello, en consonancia coa filosofía da diversidade, da igualdade social e da integración, pretenden dar estabilidade á colaboración que se vén desenvolvendo entre ambas institucións neste eido, conscientes de que a resolución de determinados problemas sociais require da implicación de distintos colectivos e institucións.
O Sistema Nacional de Saúde, de carácter universal, inclúe a odontoloxía na súa carteira de servizos, se ben a cobertura habitual limítase fundamentalmente á extracción dental. Neste senso a USC ten en Odontoloxía o único centro público de Galicia onde se fan tratamentos bucodentais integrais. Ademais, e dende hai décadas, unha boa parte da súa actividade clínica está orientada a colectivos con dificultades de acceso aos coidados odontolóxicos. Nesta liña, ten desenvolvido programas asistenciais para persoas con discapacidade severa sometidos a tratamentos de quimioterapia ou menores tutelados, entre outros.