Skip to main content

Alumnado de Enfermaría dálle ao de Ciencias da Educación as claves da nutrición nas etapas temperás

Alumnado de Enfermaría leva a cabo un proxecto de Aprendizaxe-Servizo (ApS) sobre nutrición. Foto: Paula Martínez Graña
Alumnado de Enfermaría leva a cabo un proxecto de Aprendizaxe-Servizo (ApS) sobre nutrición. Foto: Paula Martínez Graña

O 26,3% das persoas padecen obesidade ou sobrepeso durante a infancia, na súa maior parte debido ao elevado consumo de graxas saturadas e a baixa actividade física. Estes foron algúns dos datos que un grupo de alumnos de Enfermaría lle deu a outro de Ciencias da Educación como parte da actividade de Aprendizaxe-Servizo (Aps) que desenvolven baixo o título ‘Diagnóstico e educación nutricional nun escenario real: a USC’.

O alumnado de Enfermaría explicou que soamente o 5% dos nenos e nenas realizan un almorzo correcto, mentres que o 8% chegan ao colexio sen almorzar. Este feito pode ter consecuencias negativas no rendemento académico e persoal do alumnado, xa que a infancia é unha etapa clave no desenvolvemento dos máis pequenos.

Co comezo da etapa universitaria, a xuventude tende a descoidar a súa alimentación ao deixar o domicilio familiar. A actividade física tamén resulta afectada, posto que o estudantado adica máis horas ao estudo que na etapa secundaria. Este tipo de hábitos poden ocasionar a aparición de enfermidades, polo que o obxectivo deste seminario é educar ao colectivo universitario na prevención.

Este seminario é unha actividade formativa en ApS (Aprendizaxe-Servizo), elaborada en base ao Traballo de Fin de Grao dun grupo de alumnos da Facultade de Enfermaría. O grupo de estudantes deste centro seleccionou o alumnado de Ciencias da Educación para levar a cabo o seu estudo, debido ao seu papel futuro como formadores e educadores. Desta forma, o alumnado realizou un proxecto de avaliación do estado nutricional do estudantado e un labor formador en coñecementos nutricionais xenerais. Este proxecto está coordinado pola profesora Isabel Campos Varela no marco da II Convocatoria de proxectos de innovación educativa en Aprendizaxe-Servizo (ApS).

Seminario dirixido ao alumnado de Ciencias da Educación. Foto: Paula Martínez Graña

The contents of this page were updated on 05.14.2018.