Skip to main content

O Consello Estatal de Estudantes de Medicina definirá en Compostela as súas posicións ante os retos da sanidade

De esquerda a dereita, Ander Santiago Gómez, Julián Álvarez e Ana Presa. FOTO: Santi Alvite
De esquerda a dereita, Ander Santiago Gómez, Julián Álvarez e Ana Presa. FOTO: Santi Alvite
As Xornadas Estatais de Estudantes de Medicina desenvolveranse do 15 ao 18 de marzo na Facultade de Medicina e Odontoloxía da USC e reunirán máis dun cento de representantes de 35 universidades de todo o Estado
Santiago de Compostela

As nonaxésimo cuartas Xornadas Estatais de Estudantes de Medicina desenvolveranse do 15 ao 18 de marzo na Facultade de Medicina e Odontoloxía da USC. Máis dun cento de representantes de 35 universidades de todo o Estado danse cita neste foro que foi presentado este martes 14 polo decano da Facultade de Medicina e Odontoloxía, Julián Álvarez; Ander Santiago Gómez, secretario xeral do Consello Estatal de Estudantes de Medicina (CEEM) e Ana Presa Carrera, vicepresidenta interna do comité organizador das xornadas.  

As sesións, que tamén conforman a Asemblea Xeral da CEEM, o seu máximo órgano de representación estatal e mecanismo de toma de decisións, contan “cun marcado carácter social e activista”, subliñou a alumna da USC Ana Presa na súa intervención. Así, representantes de todas as facultades de medicina de España votarán a creación e modificación de posicións en cuestións como o final da vida —eutanasia e coidados paliativos—, ou o Sistema Nacional de Saúde. A atención primaria como base da sanidade, a demografía médica ou a mellora da docencia do grao serán outras das materias obxecto de reflexión e debate. “A opinión dos estudantes de Medicina é moi importante xa que son os profesionais do futuro”, subliñou Julián Álvarez para logo definilos como “termómetro” que a nivel docente “nos permite valorar se imos por onde estabamos pensando”. 

Ander Santiago Gómez enumerou as diferentes asociacións estudantís convidadas ás xornadas: Federación Española de Asociaciones de Estudiantes de Medicina para la Cooperación Internacional (IFMSA-Spain), L'Associació d'Estudiants de Ciències de la Salut (AECS), Consell d’Estudiants de Medicina de Catalunya (CEMCAT), Asociación Estatal de Estudiantes de Enfermeria (AEEE), ou o Colectivo de Estudiantes de Psicología (CEP-PIE). “É importante o traballo conxunto coas diferentes asociacións porque entre todas o traballo realizado pode ter maior alcance”, subliñou. Unha mesa redonda sobre saúde mental no estudantado universitario, á cal asistirán todas as representantes, nutren tamén o programa das xornadas. 

Acto inaugural e relatorio de apertura 

O reitor Antonio López preside este mércores 15 a sesión inaugural que terá lugar ás 16.00 horas na Facultade de Medicina e Odontoloxía. Xunto a el, intervirán de novo Julián Álvarez e Ander Santiago Gómez, acompañados de Camila Hermelo Piñeiro, presidenta do Comité Organizador; Antón Acevedo Prado, director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria; José Alberto Díez de Castro, secretario xeral de Universidades; e Eduardo Iglesias García, presidente do Consello Galego de Colexios Médicos. Logo da inauguración, comezará o traballo de formación, debate e colaboración con entidades externas, que se realizará en xornadas matutinas e vespertinas. 

O relatorio inaugural correrá a cargo do profesor Xaime Fandiño,  un dos impulsores da primeira cátedra de idadismo no seo da UVigo. Na súa presentación abordará esta problemática, resaltando as actitudes discriminatorias que poden enfrontar as persoas de maior idade no circuíto sanitario. 

Organización

A organización deste evento recaeu, hai exactamente un ano, na Asociación de Estudantes de Medicina da USC (AEM-USC) , dada a súa implicación na representación a nivel estatal. Desde entón, un equipo de seis persoas, acompañadas dalgunhas voluntarias, foron reuníndose con todas as institucións de referencia na medicina galega e o ámbito universitario para levar a cabo “este gran reto”, en palabras de Ana Presa.

Dita asociación, adscrita ao CEEM, é a que exerce o labor de representación do estudantado do grao de Medicina na USC, tanto en Xunta de Facultade como no Claustro Universitario e outros órganos de goberno. Ademais, organiza actividades co obxectivo de formar o alumnado naqueles aspectos nos que o currículo do grao non logra cubrir todas as inquietudes, como pode ser a saúde mental, o feminismo ou o compromiso ambiental. A sesión do sábado pola tarde terá lugar na sede compostelá do Colexio Oficial de Médicos de A Coruña. 
 

The contents of this page were updated on 03.14.2023.