Skip to main content

O programa ICARUS premiará a aplicación social e económica dos resultados de teses, TFG e TFM

ICARUS está dirixido a toda a comunidade universitaria dos campus de Santiago de Compostela e Lugo e inclúe todas as áreas de coñecemento. FOTO: Santi Alvite
ICARUS está dirixido a toda a comunidade universitaria dos campus de Santiago de Compostela e Lugo e inclúe todas as áreas de coñecemento. FOTO: Santi Alvite
Impulsado pola área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC, a inscrición no certame pode formalizarse ata o 26 de maio
Lugo, Santiago de Compostela

“Nunha sorte de voo de Ícaro que se atreveu a aplicar o coñecemento e o enxeño para poder chegar máis alá da illa na que estaba confinado”, o programa ICARUS premiará a aplicación social e económica dos resultados dos traballos fin de grao (TFG), de mestrado (TFM) e teses de doutoramento. Así o definen dende a área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC,  responsable da organización do certame. Baixo esta premisa, ICARUS trata de estimular os estudantes a sacar o seu coñecemento do límite da súa utilidade académica para imaxinar e explorar outras posibilidades. A inscrición poderá formalizarse ata o 26 de maio a través dun formulario electrónico de acordo cos requirimentos establecidos na convocatoria.

ICARUS está dirixido a toda a comunidade universitaria dos campus de Santiago de Compostela e Lugo e inclúe todas as áreas de coñecemento. Cun máximo de 80 puntos, valorarase a viabilidade técnica, comercial e económico-financeira, así como o grao de innovación no caso específico das teses de doutoramento. Os 20 puntos restantes procederán da introdución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) en todos os traballos.

Galardóns

Repartiranse un total de 8.100 euros, distribuídos en doce premios. No caso das teses, os galardóns consistirán nun primeiro premio de 1.000 euros e nun segundo de 500 en cada unha das seguintes áreas: Artes Humanidades, Ciencias Sociais e Xurídicas; Ciencias, Enxeñería e Arquitectura; e Ciencias da Saúde. No caso dos TFG e TFM, a distribución dos premios será idéntica coa diferencia de que os primeiros contarán con 800 euros cada un, e os segundos con 400.  As dúbidas poden trasladarse a  sabela.lopez.figueiras [at] usc.es (sabela[dot]lopez[dot]figueiras[at]usc[dot]es)

 

 

The contents of this page were updated on 05.08.2023.