Skip to main content

O Consello Social apoiará once proxectos que favorezan a colaboración entre as contornas universitaria e social

O órgano de participación da sociedade galega na Universidade reparte 50.000 euros entre diversas iniciativas. Imaxe de arquivo dun laboratorio da USC. FOTO: Santi Alvite
O órgano de participación da sociedade galega na Universidade reparte 50.000 euros entre diversas iniciativas. Imaxe de arquivo dun laboratorio da USC. FOTO: Santi Alvite
O órgano colexiado reparte un total de 50.000 euros para o desenvolvemento destas investigacións
Lugo, Santiago de Compostela

A convocatoria de axudas en concorrencia competitiva a actividades susceptibles de ser financiadas polo Consello Social acaba de resolverse outorgando apoio económico a un total de once proxectos. Deste xeito, o órgano de participación da sociedade galega na Universidade reparte 50.000 euros entre diversas iniciativas que favorezan a colaboración entre a contorna universitaria e a social a través de accións que contribúan á mellora da calidade do servizo público da educación superior universitaria e ao desenvolvemento social, económico, tecnolóxico, científico e cultural de Galicia.

Proxectos financiados

O papel da xenética forense na identificación de persoas desaparecidas é o obxecto do traballo coordinado por María Victoria Lareu, Ana Mosquera e María del Carmen Puente Vila. Pola súa parte, o equipo da profesora Laura Sánchez Piñón profundará, grazas a esta axuda do Consello Social, na mutación ultra-rara no xene nek8. Dentro do eido de Ciencias da Saúde sitúase tamén o proxecto de ciencia cidadá liderado por Alberto Ruano e Lucía Martín de Bernardo Gisbert baixo o lema ‘Teño niveis altos de radon na casa, agora que?’.

‘Presentacións visuais de atención primaria en poboación pediátrica en risco de exclusión social e na contorna educativa’ é o título do proxecto coordinado por Eva Yebra-Pimentel Vilar. Os desprazamentos didácticos sobre astronomía a distintos centros e localidades galegas impulsados polo Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC tamén aparecen beneficiados nesta resolución do Consello. A iniciativa está coordinada polo seu director José Ángel Docobo e por Pedro Pablo Campo Díaz.

Vicente Blanco Mosquera e Salvador Cidrás Robles son os responsables de ‘Trebello’, un material educativo para a infancia que tamén recibirá financiamento por parte do órgano colexiado. As xornadas sobre formación e innovación educativa Forinnova Lite, coordinadas por Pablo César Muñoz Carril e Isabel Dans Álvarez de Sotomayor integran tamén a listaxe de iniciativas xunto coa investigación que Fernando Vázquez-Portomeñe Seijas e Inma Valeije Álvarez desenvolven sobre os delitos cometidos no mar baixo o título ‘Piratas, traficantes e contrabando’.

‘Cara a un futuro sostible no sector agroalimentario galego’ é o nome da investigación coordinada por María Celeiro Montero que recibirá axuda ao abeiro desta convocatoria. Lara Rubio Lareu acometerá, pola súa parte, un proxecto sobre a revalorización de subprodutos agroforestais como ingredientes en cosméticos ecolóxicos. A científica centrarase nas sinerxías entre investigación e empresa. Finalmente, tamén se recolle na resolución destas axudas o traballo titulado ‘Acción educativa no cárcere de Monterroso. Aula aberta e radio comunitaria’. O seu equipo coordinador está integrado por Carmen Morán de Castro e Germán Vargas Callejas.

Comité de selección

O comité de selección para a adxudicación das axudas estivo presidido pola presidenta do Consello Social, Cecilia Sierra, e integrado polos vogais Juan Manuel López Labrada e Nuria Pereira Martínez. Actuou como secretaria con voz pero sen voto, Marta Villamayor Álvarez.

O Consello Social é o órgano de participación da sociedade galega na Universidade que ten como finalidade impulsar a colaboración da institución co tecido social. Asemade, correspóndelle a este órgano a supervisión das actividades de carácter económico da Universidade e do rendemento dos seus servizos, así como a promoción da colaboración da sociedade no financiamento da USC.

The contents of this page were updated on 05.26.2023.