Skip to main content

O alumno de Pedagoxía Luis Carreira reivindica ante o Parlamento galego o acceso igualitario á educación

No acto do Parlamento, interveu Luis Carreira en representación do alumnado da Facultade de Ciencias da Educación
No acto do Parlamento, interveu Luis Carreira en representación do alumnado da Facultade de Ciencias da Educación
A intervención enmarcouse no seo da Campaña Mundial pola Educación na que participa a USC e que en 2023 ten por lema ‘A educación transformadora con perspectiva de xénero’
Santiago de Compostela

Estudantes de diferentes espazos educativos solicitaron este semana no Parlamento galego o compromiso que garanta o cumprimento do Obxectivo de Desenvolvemento Sostible (ODS)  4 sobre o dereito á educación inclusiva, equitativa e de calidade. A iniciativa corresponde ao acto  principal da Campaña Mundial pola Educación (CME) de Galicia  que, en 2023, leva por lema ‘A educación transformadora con perspectiva de xénero’ e conta coa colaboración de once centros adheridos.

Representantes de colexios, institutos, centros de formación, Universidade e espazos de educación non formal tomaron a palabra no hemiciclo para reflexionar sobre as condicións educativas en España e Galicia e para solicitar aos deputados e deputadas a súa colaboración para garantir o acceso igualitario á educación. Para logralo, requiriron o seu compromiso coa contorna e cos países empobrecidos onde non se garanten os dereitos á educación das persoas, especialmente das nenas.

Á sesión, presidida polo presidente do Parlamento galego, Miguel Ángel Santalices, tamén acudiu o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez González; o director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo; a subdirectora xeral de Cooperación Exterior, Pilar Romero e deputadas dos tres grupos parlamentarios.

Este ano formaron parte da Campaña Mundial pola Educación o alumnado da materia Educación Comparada do 3º curso do Grao en Pedagoxía. Traballaron indicadores internacionais sobre as desigualdades de acceso á educación e, nun proxecto de Aprendizaxe-Servizo desenvolto entre o equipo docente da materia e a CME, deseñaron intervencións en varios centros educativos de Educación Primaria, Educación Secundaria, outros espazos de educación non formal e lideraron diferentes actividades e obradoiros nas IX Xornadas de Educación para Cidadanía Global celebradas na Facultade de Ciencias da Educación a finais de abril co obxectivo de concienciar sobre a vulnerabilidade do dereito á educación con perspectiva de xénero.

No acto do Parlamento, interveu Luis Carreira en representación do alumnado da Facultade quen centrou o seu discurso na capacidade da educación para xerar sociedades máis fortes e democráticas e na defensa das e dos profesionais da educación.

En 2023, Galicia cumpre 20 anos de adhesión á Campaña Mundial pola Educación. Na actualidade son cinco as entidades que participan dunha maneira coordinada a nivel global para apoiar as accións de incidencia no contexto autonómico, a Universidade de Santiago de Compostela a través do Grupo de Investigación Terceira Xeración, Educo, Ayuda en Acción, Entreculturas e Taller de Solidariedade participan de maneira activa en defensa do dereito á Educación universal.
 

Representantes de colexios, institutos, centros de formación, Universidade e espazos de educación non formal tomaron a palabra no hemiciclo para reflexionar sobre as condicións educativas en España e Galicia
Representantes de colexios, institutos, centros de formación, Universidade e espazos de educación non formal tomaron a palabra no hemiciclo para reflexionar sobre as condicións educativas en España e Galicia
The contents of this page were updated on 06.08.2023.