O proxecto SDGsJR avanza na introdución dos ODS nos programas de Xornalismo de seis universidades asiáticas
Un equipo de investigadores da USC, dirixido polo profesor Óscar Rodil Márzabal, acaba de realizar unha visita de estudos á cidade chinesa de Ningbo para preparar as conclusións do proxecto de cooperación europeo ‘Sustainable Development Goals in Journalism Reporting (SDGsJR)’, cofinanciado polo Programa Erasmus+ da Comisión Europea cun orzamento de case un millón de euros. A reunión tamén permitiu analizar o estado de desenvolvemento do proxecto nas universidades de China, Camboxa e Malaisia que tamén participan en SDGsJR.
O proxecto ten como principal obxectivo introducir os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) na información xornalística mediante un plan de estudos de xornalismo, en liña co desenvolvemento sostible e o aumento dos coñecementos do persoal docente en metodoloxías de ensino baseadas nas TIC. Durante o desenvolvemento do SDGsJR puxéronse en marcha programas de xornalismo para estudantes e cursos de formación para profesorado nas seis universidades asiáticas que forman parte do proxecto.
O consorcio está conformado por nove institucións procedentes de España, Romanía, Luxemburgo, Camboxa, China e Malaisia, e coordinado pola USC. A visita de estudos desenvolveuse nesta ocasión na sede da University of Nottngham Ningbo en China (UNNC), unha das universidades privadas chinesas máis destacadas no campo da investigación e a innovación, que conta con importantes proxectos de transferencia de coñecemento e cunha incubadora de empresas tecnolóxicas que desenvolve destacadas ideas do seu persoal investigador.
Os investigadores da USC Oscar Rodil e Hugo Campos, coa colaboración do técnico superior de apoio José Luis Estévez, foron os encargados de dirixir as reunións celebradas nestes días en Ningbo (China), nas que se analizou o estado xeral do proxecto e o nivel de consecución dos obxectivos inicialmente previstos. Ademais, tivo lugar unha nova sesión do Comité de Calidade (Quality Board) do proxecto e diversas xuntanzas para preparar a elaboración do informe final que será elaborado polo equipo da USC que coordina o SDGsJR.
SDGsJR naceu como un proxecto de 36 meses (2019-2022), cofinanciado polo Programa Erasmus+ da Comisión Europea, cun orzamento próximo ao millón de euros, prorrogado pola EACEA ata finais de 2023 polos efectos da pandemia. Está coordinado pola USC da man do profesor Óscar Rodil, membro do grupo de investigación ICEDE e do Centro Interdisciplinario de Investigación en Tecnoloxías Ambientais da USC (CRETUS).
Todas as actividades do proxecto xiran arredor da idea de desenvolver un programa de cursos nas universidades asiáticas participantes, que sexa sostible a longo prazo e estea vinculado ás necesidades do mercado laboral e da sociedade en xeral. Ademais, outro dos obxectivos prioritarios do proxecto é o de aumentar a capacidade do persoal académico das universidades asiáticas asociadas, polo que o persoal académico destas entidades está a recibir formación para impartir os cursos sobre os ODS tanto aos estudantes de xornalismo como aos profesionais en activo.