Skip to main content

O primeiro Encontro Alumni puxo en valor a pegada das persoas que pasaron polas aulas da USC

De esquerda a dereita, José Alberto Díez, Eva López, Antonio López, Miguel Ángel Santalices, Goretti Sanmartín e Cecilia Sierra. FOTO: Santi Alvite
De esquerda a dereita, José Alberto Díez, Eva López, Antonio López, Miguel Ángel Santalices, Goretti Sanmartín e Cecilia Sierra. FOTO: Santi Alvite
Diferentes mesas redondas repasaron a orixe e evolución da asociación, así como o seu presente e as oportunidades que ofrece á comunidade universitaria
Santiago de Compostela

Baixo o lema 'A Universidade despois da Universidade', a primeira edición do Encontro Alumni xerou un espazo de reunión e diálogo entre estudanto egresado da USC para poñer en valor a pegada das persoas que pasaron polas aulas da institución. Presidido polo reitor Antonio López, a sesión que se desenvolveu no Colexio de Fonseca este venres 22, contou tamén coa participación da presidenta do Consello Social da USC, Cecilia Sierra; da presidenta de Alumni USC, Eva López Barrio; do secretario xeral de Universidades da Xunta de Galicia, José Alberto Díez de Castro; do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira; e da  alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín.  

Tras a sesión inaugural, dúas mesas temáticas repasaron a evolución da asociación dende a súa fundación ata a actualidade. Na primeira delas, Juan J. Casares Long, ex reitor da Universidade e primeiro presidente de Alumni USC; Emilio Pérez Nieto, quen fora presidente do Consello Social da institución; Filomena Casal Gómez, vicepresidenta primeira de Alumni USC; e Darío Villanueva, ex reitor e artífice da asociacion, compartiron as súas experiencias, anécdotas e reflexións sobre os primeiros anos do colectivo. 

A continuación, a segunda mesa centrou a conversa no presente de Alumni USC e nas oportunidades que ofrece na actualidade á comunidade universitaria, da man de Gumersindo Feijoo Costa, vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación; Jorge Mira Pérez, catedrático de Electromagnetismo do departamento de Física Aplicada; José M. Ortigueira Bobillo, socio de honra de Alumni USC, e Elena Vázquez Cendón, decana da Facultade de Matemáticas.
 

No acto deuse cita un bo número de alumnado egresado. FOTO: Santi Alvite
No acto deuse cita un bo número de alumnado egresado. FOTO: Santi Alvite
The contents of this page were updated on 09.25.2023.