Skip to main content

Filoloxía conmemora o Día Europeo das Linguas

Coincidindo con este Día Europeo das Linguas, dende a Facultade de Filoloxía tamén se poñen en marcha diversos concursos relacionados coas linguas. FOTO: Santi Alvite
Coincidindo con este Día Europeo das Linguas, dende a Facultade de Filoloxía tamén se poñen en marcha diversos concursos relacionados coas linguas. FOTO: Santi Alvite
Ao longo da semana, o centro desenvolve un amplo programa de actividades e acolle unha mostra na Biblioteca con exemplares en galego, español, alemán, romanés, inglés, francés, italiano, portugués ou linguas clásicas como o latín
Santiago de Compostela

A Facultade de Filoloxía desenvolve ao longo de toda esta semana un programa de actividades para conmemorar o Día Europeo das Linguas que ten lugar cada 26 de setembro. Biblioteca, Decanato e Centro de Linguas Modernas colaboran nunha mostra que pode verse na entrada da biblioteca do centro e que conforma unha escolma para achegarse a unha representación das múltiples linguas europeas que poden estudarse na Facultade e con fondos dispoñibles na biblioteca. “Na mostra podemos achegarnos a exemplares de galego, español, alemán, romanés, inglés, francés, italiano, portugués ou linguas clásicas como o latín, nunha selección feita por cada un dos departamentos da Facultade de Filoloxía”, explican dende a organización.

Para achegar de xeito máis ameno a variedade de linguas europeas, coincidindo co Día Europeo das Linguas, este martes 26 tivo lugar unha lectura de textos escollidos na que participou profesorado da Facultade e do Centro de Linguas Modernas, alumnado e tamén persoal da Biblioteca. Puideron escoitarse textos e relatos breves en latín, en galego, en español, en inglés, en alemán ou en portugués; dende Edgar Allan Poe ou Patty Smith en inglés ata Eduardo Galeano en español ou Petronio en latín. 

Coincidindo con este Día Europeo das Linguas, dende a Facultade de Filoloxía tamén se pon en marcha a iniciativa ‘Retos Lingüísticos. Arrisca e Gaña’, grazas ao traballo do lector de alemán Sebastian Windisch. “Trátase dunha iniciativa, dispoñible tanto en galego coma en español, para axudar a que os estudantes de Erasmus que nos visitan se acheguen a calquera destas dúas linguas dun xeito ameno e divertido”, engaden. As persoas que queiran participar teñen á súa disposición un “pasaporte” no que terán que ir cubrindo retos e actividades lingüísticas que vaian superando. Por último, as persoas que queiran participar tamén teñen dispoñible un “Quiz sobre as nosas linguas”. Trátase dun xogo de preguntas ao que se pode acceder lendo un código QR e no que haberá que responder a múltiples cuestións sobre as linguas europeas. 
 

A mostra atópase na biblioteca do centro
A mostra atópase na biblioteca do centro
The contents of this page were updated on 09.27.2023.