Skip to main content

A xornada ‘Educando en igualdade’ aborda o dereito á educación dende unha perspectiva de xénero

Detalle do cartel
Detalle do cartel
A sesión desenvolveuse no CEA e analizou políticas públicas, a linguaxe inclusiva e o impacto das redes sociais
Santiago de Compostela

A Campaña Mundial pola Educación (CME) en Galicia desenvolve este xoves 28 no Centro de Estudos Avanzados da USC unha xornada na que se aborda a urxencia dunha coeducación efectiva. As políticas públicas, a linguaxe inclusiva e o impacto das redes sociais son algúns dos temas centrais das distintas mesas do encontro. A sesión desenvolveuse baixo o lema ‘Educando en Igualdade. 20 anos traballando polo dereito á Educación’.

Profesionais do sector educativo do ámbito autonómico e estatal fan un chamamento a favorecer a necesidade de acceso igualitario á educación de nenos e nenas para evitar así unha sociedade que marxine a realidade de máis do 50% dos seus integrantes. “Hoxe en día, aínda existen países onde a educación non está ao alcance de todas as persoas, en especial das nenas”, sinala Ximena Zambrana,  coordinadora da Campaña Mundial pola Educación (CME) en España.

A cita conta coa participación de Priscila Retamozo, politóloga e escritora, que se encargou de conducir o encontro no que se fixo balance do traballo desenvolvido nos últimos 20 anos no marco da CME en Galicia. A coordinadora da Campaña Mundial pola Educación en Galicia, Laura Álvarez, foi, pola súa parte, a encargada de sintetizar os principais fitos conseguidos neste período, sen esquecer o traballo desenvolvido na consecución do ODS4.

A continuación, tiveron lugar tres mesas redondas que se centraron na educación para todas, o poder da linguaxe e internet e xénero. Na primeira delas, Ximena Zambrana, coordinadora da CME España, Silvana Longueira, profesora da Universidade de Santiago de Compostela, e María Elena Olivares, responsable da área de Educación para o Desenvolvemento e Cidadanía Global, analizaron as políticas que emanan das institucións públicas que son máis comúns en España, Europa e no mundo, así como os criterios que se aplican á hora do seu deseño xunto coo alcance da CME no impulso dunha educación de calidade para as nenas do mundo. 

Luca Chao, licenciada en Ciencias Políticas, Enrique Latorre, docente da USC, e Iria Vázquez, profesora da Universidade de Vigo, abordaron a linguaxe inclusiva como ferramenta educativa para construír e socializar en xénero. Finalmente, unha mesa centrada en ‘Internet e xénero: a cousificación en tempos das Redes Sociais’, contou coa participación de Priscila Retamozo e Uxía Regueira, investigadora da USC, que reflexionaron sobre a importancia da publicidade e as redes sociais nos ideais de beleza. “As mulleres, adolescentes e nenas, atópanse rodeadas de información que as fai asumir patróns de hipersexualización, necesidades de validación masculina, ou afectación á súa autopercepción, entre outras”, sinalan as expertas. Trátase, na súa opinión, dunha estratexia social de deshumanización que supón un risco para as propias relacións interpersoais da persoa como para o seu benestar psicolóxico, o que se converte “nunha forma de discriminación sutil e normalizada socialmente cara a muller”.

As transicións entre as diferentes seccións da xornada dinamízanse a través de pezas audiovisuais que animan á reflexión sobre cuestións como a síndrome da impostora, o papel da CME para non deixar ningunha nena atrás, a educación no feminismo, as identidades e os corpos e o activismo feminino.

En 2023, Galicia cumpre 20 anos de adhesión á Campaña Mundial pola Educación. Na actualidade son cinco as entidades que participan dunha maneira coordinada a nivel global para apoiar as accións de incidencia no contexto autonómico. Educo (coordinador en 2023), Ayuda en Acción, o Grupo de Investigación Terceira Xeración (TeXe) da Universidade de Santiago de Compostela, Entreculturas e Taller de Solidariedade participan de maneira activa en defensa do dereito á Educación universal. A xornada conta coa financiación de Cooperación Galega e o apoio da Rede Galega de Cooperación Universitaria ao Desenvolvemento (RGCUD), da que forman parte as tres universidades públicas galegas.
 

The contents of this page were updated on 09.28.2023.