Skip to main content

BFFood busca solucións innovadoras de emprendemento para os retos do sector alimentario

BFFood busca impulsar e consolidar aqueles proxectos innovadores que dean resposta aos principais retos formulados polas empresas do sector da alimentación
BFFood busca impulsar e consolidar aqueles proxectos innovadores que dean resposta aos principais retos formulados polas empresas do sector da alimentación
A USC participa no desenvolvemento desta convocatoria como integrante do comité técnico que prestará apoio aos proxectos seleccionados ademais de coordinar a formación específica que se lle ofrecerá
Lugo, Santiago de Compostela

A aceleradora vertical do sector alimentario de Galicia, Business Factory Food (BFFood), mantén aberto o prazo de presentación de proxectos para optar a formar parte da súa sexta edición ata as 14.00 horas do 15 de novembro. A USC colabora como socia desta iniciativa da Xunta de Galicia e que dinamiza o Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga).

Das propostas presentadas seleccionaranse ata 16 proxectos innovadores de emprendemento, tanto nacionais coma internacionais, que dean resposta aos retos da industria alimentaria galega. BFFood ten impulsado, ao longo das súas cinco edicións previas, un total de 61 proxectos das 288 candidaturas recibidas, tanto dende España como dende fóra do continente europeo. Nesta nova edición escollerá ata dez iniciativas para o seu programa de aceleración e ata seis para o de consolidación.

BFFood está xestionada por un consorcio liderado por Clusaga que, ademais, conta coa participación da USC, UVIGO, UDC, AGACA, ANFACO CECOPESCA e FEUGA no seu comité técnico. A actividade da aceleradora de emprendemento, posta en marcha en 2019, permitiu a creación de 26 novas compañías e a xeración de 200 empregos cualificados.

Dúas modalidades

As startups, entidades e empresas que teñan unha idea innovadora poden presentar a súa candidatura a unha das dúas modalidades de BFFood. A modalidade de aceleración, de nove meses de duración, ofrece apoio integral e especializado no sector alimentario para iniciativas emprendedoras na súa fase inicial, que estean desenvolvendo un produto ou servizo mínimo viable e esbozando un modelo de negocio, e non teñan máis de cinco anos de antigüidade. A modalidade de consolidación, de doce meses de duración, ofrece apoio integral e especializado no sector alimentario para empresas xa constituídas, cun produto ou servizo definido e aliñado con algún dos retos do sector, e cuxa antigüidade sexa de máximo sete anos.

Para ambas modalidades, BFFood ofrece coaching, formación especializada impartida polas tres universidades, acceso a infraestruturas científico-técnicas e servizos avanzados, apoio a modo de mentores cos líderes do sector, financiación directa e acceso a inversión, así como a unha rede de networking no ecosistema de innovación alimentario.

Os proxectos do programa de aceleración poderán acceder a unha financiación de 25.000€ a fondo perdido por parte de Gain, así como a un préstamo participativo de ata un máximo de 50.000€ a través de XesGalicia. Os do programa de consolidación poderán acceder a un préstamo participativo que podería conlevar unha opción de capitalización de ata un máximo de 250.000€ por parte de XesGalicia. Cada proxecto seleccionado contará con formación, impartida polas tres universidades galegas, en forma de curso de formación específica coordinado pola USC no que se tratarán temas relacionadas coa creación e funcionamento dunha empresa do sector alimentario. Ademais, cada proxecto terá un ou máis mentores específicos, pertencentes a unha das empresas tractoras de BFFood.

Retos propostos

BFFood busca impulsar e consolidar aqueles proxectos innovadores que dean resposta aos principais retos formulados polas empresas do sector da alimentación: dixitalización e automatización; rastrexabilidade, calidade e seguridade alimentaria; loxística; sustentabilidade; desenvolvemento de novos produtos; e innovación de procesos e comercialización. Tamén está proposto un reto aberto para calquera proxecto aplicable á industria que supoña a introdución dalgún tipo de innovación ou mellora.

The contents of this page were updated on 10.09.2023.